Desde o CIM  e desde a Concellaría de Igualdade explican que “o deporte é  unha actividade esencial: para a súa saúde física e psíquica, e ademais, soe resultar pracenteiro. A distribución por sexos dos seres humanos conlevou historicamente a deixar de lado e invisibilizar o papel e o desfrute do deporte polas mulleres. A participación das mulleres é hoxe moito maior que fai un século, pero ainda queda moito por percorrer. O concepto de discriminación por sexo está estreitamente vinculado ao principio de igualdade. No ámbito deportivo, e especialmente no do fútbol, permítense as diferenciacións entre homes e mulleres, sempre que estean obxectivamente xustificadas, isto é non sexan arbitrarias”.

E engaden: “desde os  6 anos de idade, tanto as nenas como os nenos poden participar en equipos masculinos e femininos, respectivamente. O problema deriva da escasa práctica deportiva entre o colectivo feminino. Esta situación afecta especialmente ás mozas que, por falta de compañeiras para formar equipos, intégranse en equipos masculinos, formando entón equipos mixtos. Desde 1998, o  Comité de Disciplina Deportiva de Galicia permite a creación de tales equipos sen límite de idade. Non cabe dúbida de que a posibilidade de crear equipos mixtos sen límites de idade suporía unha serie de beneficios, non  só  para as  mulleres, senón  tamén para a sociedade en xeral, entre eles: aumento de número de xogadores/as; aumento de equipos; aumento de calidade nas  Ligas; e educación para e a favor da igualdade entre homes e  mulleres no  mundo do deporte”.

Este mércores, 26 de abril, estarán en Ribadeo un grupo de xogadoras do Burela Fútbol Sala Feminino para realizar unha sesións lúdica que se desenvolverá da seguinte forma: “unha primeira parte expositiva, onde se perciba como as nenas/ mulleres poden xogar ao fútbol; desenvolvemento dunha serie de xogos no que se implicará ao propio alumnado; e un pequeno partido”. A sesión lúdica está dirixida ao alumnado de 1º curso de Primaria  do Colexio Público Gregorio Sanz e do Colexio Sagrado Corazón de Xesús. A actividade será no pavillón municipal. Ás 10.15 horas terá lugar a sesión dirixida ao Colexio Sagrado Corazón e as 11.15 horas a dirixida ao Colexio Público Gregorio Sanz.

Desde a Concellaría de Igualdade subliñan que “a actividade ten como obxectivo visibilizar os referentes femininos nesta práctica deportiva; familiarizar ás nenas con este deporte; promover que tanto nenas como nenos poden xogar ao fútbol; e fomentar o xogo mixto deste deporte, que as nenas e os nenos compartan o balón nun mesmo espazo rachando cos roles e estereotipos vixentes”.

O CIM e a Concellaría de Igualdade agradecen “a colaboración  do  Burela Fútbol Sala Feminino para poder dar a coñecer e fomentar o fútbol feminino desde idades temperás”.