A concelleira de Saúde e Servizos Sociais, Teresa González Piñeiroa, explicou que “farán esta visita para coñecer as infraestruturas dos servizos sociais de Ribadeo. Comezará as 9 horas e os rapaces estarán acompañados por profesorado do CIFP Portada da Auga, por persoal técnico municipal así como por responsables de cada un dos centros a visitar”.

A edil nacionalista contou que “esta actividade enmárcase dentro dun proxecto de colaboración entre o CIFP Porta da Auga e Área de Saúde e Servizos Sociais do Concello de Ribadeo. Iniciouse este programa o día 21 de marzo cunha charla impartida polo traballador social José Luis Gegunde no salón de actos da Casa do Mar. A través deste foro o alumnado entrou en contacto coa realidade dos servizos sociais que teñen máis próximos, como son os municipais, e comprobaron como foron evolucionando estes servizos ao longo do tempo e como as diferentes normativas e cambios sociais e económicos influíron de forma substancial na programación, nos servizos prestados e no traballo diario do persoal deste campo, dos servizos sociais, e das persoas usuarias”.

González Piñeiroa engadiu que “este proxecto de colaboración entre o Concello e o centro pretende que o eido da formación, o laboral e os servizos públicos traballen de forma coordinada, dado que todo isto redundará nun beneficio mutuo”.