Hoxe martes, 25 de xaneiro, tivo lugar no salón de plenos do Concello de Ribadeo, o acto de presentación do programa de Atención familiar e prevención da violencia na adolescencia, que se levará a cabo durante todo este ano 2011 nos concellos de Ribadeo, Foz, Burela, Viveiro, Vilalba, Sarria, Chantada e Monforte de Lemos. Este programa está financiado na súa totalidade (190.000,00 euros) pola Vicepresidencia Terceira da Deputación Provincial de Lugo, e a entidade encargada da súa execución é a Fundación Meniños.

O acto contou coa presenza da deputada provincial e Vicepresidenta Terceira da Deputación Provincial, responsable das áreas de Benestar Social, Igualdade, Xuventude e Turismo, María Xosé Vega Buján, da Concelleira de Muller, Cultura e Educación do Concello de Ribadeo, Mari Luz Alvarez Lastra, e da Directora da Fundación Meniños, Mónica Permuy. Asistiron asemade os técnicos que están implementando o programa na Mariña, xunto cos equipos dos servizos sociais dos concellos implicados nesta área ( Ribadeo, Foz, Burela e Viveiro), e representantes dos centros docentes de secundaria en Ribadeo.

O programa está dirixido a adolescentes con absentismo escolar e problemas de conducta; nenos, nenas e adolescentes nunha situación de risco de desprotección, onde a intevención pretende que as familias superen os problemas sociofamiliares e tamén ten como destinatarios grupos familiares desestructurados que precisen intervención psicosocial intensiva no seu propio ámbito. Nestes primeiros momentos os técnicos están a atender a un total de 56 nenos e 30 familias, aínda que se prevé que o número de intervencións ascenda a medida que avance o programa e se detecten máis casos.