Mariluz Álvarez explicou que “esta fin de semana dende a Concellaría de Cultura queremos convidar a tódolos nosos veciños e aos visitantes a que acudan a participar da VII Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón. Son varias as obras que se van representar pero tamén temos que dar algúns recados. En principio estaba previsto que a mostra comezase este venres coa estrea da Aula Municipal de Teatro, pero debido á indisposición, á imposibilidade de varios actores de estar neste día, este venres non vai haber representación, é dicir, a Aula Municipal de Teatro, xa fixo un preestreo en Cinxe, pero fará o seu estreo noutras datas pola imposibilidade manifesta que ten para poder facela este venres”.

A edil de Cultura destacou que “polo tanto, a VII Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón vai comezar o sábado 26 e as representacións van ser no Cine Teatro o sábado e o domingo. A entrada será totalmente de balde, totalmente gratuita. O sábado, as persoas que o desexen poden participar ás 21:00 horas da noite cunha compañía de Narón chamada O aturuxo de Melpómene que vai representar Comendo pimentos de padrón con Tarantino, dicir que é unha comedia apta para tódolos públicos e que como ben digo dará comezo á mostra o sábado ás 21:00 horas. E o domingo, en horario totalmente diferente, ás 17:30 horas da tarde, a compañía de teatro Trécola de Ourense, que xa participou na mostra de teatro o ano pasado, vai representar Pinokia. O cambio de horario débese a que esta obra está adicada ao público infantil ou público familiar, entón de aí que a poñamos nun horario para que os máis pequenos da casa e as súas familias poidan acudir”.