O rexedor dixo que “estamos diante dunha boa noticia sobre un feito desafortunado que acontecera en Ribadeo hai practicamente tres anos, a rotura dunhas vidreiras da capela do cemiterio municipal. Por mor dunha mala manipulación por parte de alumnos e dun descoido dos seus profesores que tiñan que tutelar esta circunstancia membros dun taller de emprego da Asociación Ponte dos Santos, na que participan Ribadeo e Castropol, deterioraron unha serie de vidreiras. Isto supuxo unha consternación dado que son moi importantes pois datan dos anos 20 do século pasado e polo tanto a asociación naquel momento iniciou os trámites coa compañía aseguradora, que non quixo asumilo argumentando que non tiña por que facelo”. Suárez Barcia sinalou que “por este motivo foise a un preito civil con ela e hai practicamente unha semana tivemos coñecemento da sentenza, na que a xustiza condena á aseguradora a facerse cargo non soamente dos danos que estaban presupostados do que custaría arranxar e repoñer ao seu estado orixinal esas vidreiras senón tamén a pagar os intereses de demora. En total a contía principal máis os xuros de demora son uns 21.000 euros”.

O alcalde de Ribadeo indicou que “agora desde a asociación Ponte dos Santos iniciaranse os trámites para contratar a unha empresa solvente e cualificada que rehabilite estas vidreiras para deixalas no seu estado orixinal ou se cadra no máis próximo ao que era o orixinal no seu momento”.

Outro dos asuntos que se puxeron enriba da mesa no pleno de onte foi a dación de conta, a explicación por parte do goberno municipal “de que temos encargado e realizado un estudo técnico de patoloxías sobre a situación estrutural dos inmobles de titularidade municipal coñecidos como as vivendas dos profesores, que están na rúa Francisco Lanza. Singularmente o edificio máis alto que da síntomas de certo esgotamento estrutural e que encargamos este estudo para saber realmente ao que nos enfrontamos”.

Fernando Suárez explicou que “fixémolo por varios motivos: por unha banda porque somos conscientes de que como Concello temos unha política certamente incisiva con moitos propietarios de inmobles no casco vello que non os teñen en bo estado de conservación e nós, polo tanto, iso que é municipal tamén o temos que ter nun estado axeitado; e por outra banda, para poder poñer enriba da mesa como unha das posibles ubicacións, non a única, para a construción dunha futura residencia de maiores en Ribadeo. Iso si, para que quede claro que non hai problema de terreos ou de dispoñibilidade de emprazamento. O que non están resoltos son os problemas de financiamento, polo que unha parte importante pasa polo compromiso económico da Xunta de Galicia, tal e como lle temos manifestado e reiterado á conselleira no seu momento e xa desde hai varias semanas lle temos pedida unha cita para transmitirlle o compromiso do Concello e tamén da Deputación Provincial de Lugo, pero todo pasa tamén polo compromiso económico, non soamente na xestión de prazas unha vez construída, para a execución do edificio que poida albergar unha residencia de maiores en Ribadeo. Creo que é un dos obxectivos máis nobres e máis importantes e, polo menos a nivel municipal, todos os grupos da Corporación estamos de acordo en seguir traballando cóbado con cóbado para conseguir este obxectivo tan anhelado”.

Na sesión plenaria de onte tamén se aprobou de maneira unánime “unha ordenanza que deriva dun acordo que tivemos na Mancomunidade de Concellos da Mariña sobre como se ten que sacar a madeira polos camiños municipais. É unha circunstancia obvia que todos entendemos que a madeira hai que sacala e que é unha fonte de riqueza para os seus propietarios, pero tamén estes teñen que entender que moitas veces os madeiristas cometen atropelos cos camiños públicos e que logo o Concello, sen beneficiarse directamente en nada de todo isto, ten que proceder ao amaño dos viais estragados por unha saca indiscriminada de madeira, sobre todo cando as circunstancias meteorolóxicas non o recomendan”, manifestou o alcalde de Ribadeo.

E engadiu que “de aí que vaiamos aprobar unha ordenanza, que agora vai a exposición pública durante un mes, na que se vai esixir aos madeiristas que depositen unhas garantías, uns avais, antes de que procedan á corta de madeira e antes de que empecen a sacala terá que ir un técnico municipal supervisar o itinerario que eles declaren de por onde van saír os camións coa madeira. Unha vez se faga a corta para que se lles devolva a fianza terano que solicitar, un técnico municipal irá supervisar os camiños e se non teñen ningún dano devolverase integramente, sen quedarse desde o Concello cun céntimo deses avais. Esta circunstancia que aquí digo dunha maneira tan descarnada é o que padecemos moitos Concellos da Mariña con independencia da cor política que os goberna. Todos nos puxemos de acordo para aprobar as mesmas ordenanzas”.