O concelleiro de Economía e Facenda e voceiro do BNG no Concello, Vicente Castro, califica de peculiar e pintoresca a folga que manteñen os vendedores ambulantes do mercado semanal de Ribadeo. O edil nacionalista di que “cando hai negocio como foi o caso do nadal saltáronse a folga e montaron os postos e cando hai unha época de vacas fracas coma o mes de xaneiro e de mal tempo voltan á folga e non montan os postos. Esto é unha maneira un tanto pintoresca de facer folga”. Castro engade que “gran parte da culpa do que está a pasar tena a oposición por entrar no xogo no que entrou. Nós pedímoslle á oposición que actúe conforme á liña que está a manter e que presenten unha alternativa de xeito inmediato. De non ser así que nos deixen actuar a nós na liña na que viñamos actuando”.