O rexedor relatou que “estamos así tentando importar unha idea da igrexa, aquela de que todos os peregrinos que fan o camiño de Santiago ao final da súa viaxe poden obter unha compostelana, poden ter un documento acreditativo de que fixeron o camiño de Santiago co argumento de que nas sucesivas paradas que fixeron tiveron que conseguir os selos correspondentes. Aquí en Ribadeo queremos facer algo parecido con esta cantidade impresionante de xente que ven durante todo o ano ao noso concello, sobre todo á praia das Catedrais, e queremos que leven un recordo gratuito e bonito e que veñan a Ribadeo”.

Suárez Barcia subliñou que “se trata dunha acuarela, pedímoslles a todos os turistas que chegan a esta zona que fagan catro fotos co teléfono móvil ou cunha cámara dixital: unha da praia das Catedrais, unha de Rinlo, outra do faro da Illa Pancha e outra da praia do Cargadeiro. Con esas catro fotos preséntanse na oficina de turismo e as informadoras turísticas poderán emitir un diploma co seu nome e eses datos pasarán tamén a formar parte dun libro de visitas do Concello de Ribadeo, que establecemos para isto”. O diploma ou documento acreditativo é unha acuarela “moi bonita feita por un artista local cun pequeño poema relativo á praia das Catedrais. O texto dese diploma está en galego, en español, en inglés e en francés. É algo que pasará a formar parte do que son as paredes de moitas das vivendas dos turistas que veñen aquí a Ribadeo, porque o regalo meréceo”.

O alcalde de Ribadeo explicou que “o que perseguimos con esta campaña, seguindo a idea que nos levan dicindo desde hai moito tempo os comerciantes e hostaleiros de Ribadeo, é tentar traer á nosa vila á xente que chega ás Catedrais para que non sei vaia a outros lugares, senón que retorne ao lugar natural ao que pertence a praia. A concelleira de Turismo, Ana Martínez, leva varios meses dándolle voltas a esta iniciativa, tivemos que conciliar un montón de problemáticas, de recepción, de emisión, de dereitos de autor, etc…”. Fernando Suárez indicou que “nós temos o noso propio camiño catedralicio cara ás Catedrais, o segundo lugar máis visitado de Galicia despois da Catedral de Santiago, e queríamos ter tamén unha seña distintiva e tamén presentamos os novos folletos das praias das Catedrais en inglés, francés, español e galego, que terán gratuitamente todos os turistas coa información sobre este areal”.

Fernando Suárez e Ana Martínez anunciaron que “mañá mércores comezará a funcionar o punto de atención turística da praia das Catedrais” e lembraron que “Ribadeo está a ter unha grande riqueza turística cos milleiros de persoas que anualmente se desprazan a este concello, a pesares da situación económica que nos tocou vivir”.