Voltan os Domingos a pé e a viaxe ao balneario de Guitiriz que organizan a Concellaría de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres. O vindeiro luns, 7 de maio, ábrese o prazo de inscrición para participar na viaxe ao balneario de Guitiriz. A cota é de 23 euros e as interesadas en acudir poden anotarse chamando ao teléfono do CIM 982 120 739 ou enviando un correo electrónico á seguinte dirección cim@ribadeo.org O prazo para inscribirse remata o 16 de maio. A viaxe ao balneario de Guitiriz será o 20 de maio e a saída está prevista para as 14:15 horas desde o parque de San Francisco. Por outra banda, a nova edición dos Domingos a pé comezará o 3 de xuño co roteiro do río Landro-Viveiro e seguirá o 1 de xullo co roteiro Rinlo-Ribadeo.

Desde o CIM lembran “rematábamos o outono cos Domingos a pé. Esas rutas que nos levan por paraxes ignorados, pero que están ao noso carón. No outono fumos a San Cibrao, un paseo por esa fermosa vila mariñá, descoñecida  para moitas das nosas sendeiristas, a pesares da cercanía. Tamén estivemos no outro lado da ría de Ribadeo facendo unha ruta polas beiras de Castropol. E a volta foi emocionante baixo a oleaxe dun barco que nos devolveu á outra orilla e a moitas das mulleres que nos acompañaban regaloulles unha nova experiencia  ou aventura para o seu diario de vida”.

E explican que “coa chegada do mes de maio voltan os nosos Domingos a pé, ese tempo noso, só das mulleres adultas da casa, un tempo para nós, para compartir con outras veciñas e amigas as nosas preocupacións, para evadirmónos das tarefas diarias cotiás, e para rirmónos un pouco e  facer exercizo. Buscamos ese tempo propio tan difícil de conseguir no caso das mulleres sometidas á xornada laboral e á compatibilización da mesma coas tarefas domésticas e as veces coa tarefa engadida de coidados das persoas maiores da casa. Esa dupla e triple xornada require un respiro. E ás veces non somos capaces de facelo. Por iso organizamos ao longo do ano actividades de ocio exclusivamente dirixidas ás mulleres. Son medidas de intervención positiva para favorecer ese tempo propio na vida das mulleres”.