O rexedor tildou de lamentable a situación na que se atopan moitas das estradas da Deputación de Lugo, que “están moi degradadas e deterioradas, a pesares de que llo temos reiterado varias veces por escrito ao presidente da Deputación. Pero tamén é lamentable a contestación que lle da ao Concello de Ribadeo o delegado da Área de Xestión Territorial, Manuel Martínez, na que ven dicir que os informes que nós facemos sobre o estado das vías da Deputación non son os nosos técnicos os cualificados porque non teñen a titulación competente, senón que sí o son os técnicos da Deputación Provincial de Lugo”.

Suárez Barcia dixo que “eu non sabía que para ver os baches ou as fochancas houbera que ter uns anteollos diferentes aos de calquera veciño ou houbera que ser ilustrado ou licenciado por algunha universidade concreta. Creo que os furados, os baches, as fochancas e todo o sistema degradado das vías provinciais en Ribadeo calquera veciño ou veciña pode acreditalo sin que sexa necesario que veñan os seus técnicos”.

Ao alcalde gustaríalle que “o presidente da Deputación Provincial de Lugo, o señor Besteiro, chame un pouco a contas a este deputadiño delegado porque paréceme que non son de recibo as súas contestacións cando realmente se nos pode dicir que non hai moito diñeiro ou que se fará o posible para amáñalo canto antes sen dar estas explicacións estúpidas, que o único que fan é encabronar e molestar moitísimo aos veciños e ás veciñas deste concello, que ven como moitos camiños están destrozados. E á vista de que estamos a entrar na parte máis dura do inverno respostas e saídas de pata de banco como as que acaba de dar este deputadiño deixan moito que desexar e deixan en moi mal lugar a esta Deputación de Lugo que quere ser de todos os concellos da provincia”.