O Concello fixo entrega de estatuíñas aos deportistas que destacaron nas súas modalidades deportivas en equipo ou de xeito individual. As disciplinas foron ximnasia rítmica, tiro, tenis de mesa, surf, rugby, remo, piragüismo, hockei liña, fútbol sala, fútbol, bolos, billarda, baloncesto e atletismo.

No seu discurso o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, subliñou o traballo e a aposta realizada polo deportes por parte dos edís que o precederon no cargo e polo alcalde e tivo palabras de agradecemento tamén para o técnico de Deportes e para outros departamentos municipais, que colaboran cos eventos deportivos que se celebran en Ribadeo.

Díaz Freije agradeceu “o gran esforzo de todos e cada un dos clubs que fan posible sacar adiante retos e competicións e como non o mais importante os pais, nais, avoas, avós e familiares que fan que todos os nenos e nenas, rapaces e rapazas deste Ribadeo poidan disfrutar e sentir o deporte que mais lles gusta”. 

E subliñou que “o deporte non é so competir, é tamén ilusión, formación, identidade, xogo, saúde, responsabilidade, traballo, empuxe, sufrimento, victoria, derrota, medo, confianza, decisión, fallo, éxito, convivencia, loita… e seguiriamos así toda a tarde, pero quero engadir tres que persoalmente me identifican co deporte: paixón, educación e corazón”.

A VI Gala do Deporte celebrouse no Pavillón de Deportes de Ribadeo. Os homenaxeados estiveron arroupados por familiares e amigos.