O concelleiro de Deportes, David Rivas, anunciou que “esta semana comezaron por fin as obras na Casa das Algas, despois dun longuísimo proceso entre proxectos e trámites de case dous anos e medio. Este martes por fin iniciáronse os traballos para dotar a este edificio dun par de vestiarios, un para nenas e outro para nenos do Club de Remo Ribadeo, que é a actual sede que teñen”.

O edil explicou que “son uns vestiarios moi básicos con cinco duchas cada un, un lavabo e sanitarios. Vaise financiar integramente con fondos propios do Concello. A obra ten un presuposto de 50.000 euros e un prazo de execución de tres meses”.

David Rivas, tras supervisar os traballos, manifestou que “se todo vai ben e as obras discorren a bo ritmo esperemos que poidan celebrar a entrada do ano con vestiarios de auga quente, antes de que veñan as xeadas máis fortes de febreiro e primeiros de marzo”.

O responsable de Deportes no Concello de Ribadeo subliñou que “é unha satisfacción porque o que parecía unha obra relativamente simple, ao final entre facer o proxecto para pedir a concesión, xa que o edificio é do Ministerio, e despois facer o proxecto da propia obra, licitación e todo, ao final todo se dilata no tempo ata límites insospeitados. É un proxecto que se empezou a facer fai dous anos e medio e aínda é hoxe cando se pode ver materialmente que comeza. A verdade é que desde o Concello estamos satisfeitos e agardamos que non haxa ningún contratempo que poida dilatar máis as obras”.

Pola súa banda o presidente do Club de Remo Ribadeo, Miguel Balsa, dixo que “é unha obra moi esperada polo club e sen dúbida é un paso moi grande de cara a ter unhas instalacións dignas para a práctica deste deporte, onde é moi frecuente mollarse, pasar frío, e que envorquen os rapaces e rapazas na auga en inverno. Entón poder darse unha ducha despois de adestrar, ou despois de envorcar para nosoutros é moi importante de cara a que o club poida medrar en todos os sensos, porque uns vestiarios fan moito nun club deste tipo de deporte”.