No Bando sinala que “descoñecendo a orixe concreta destes focos de contaminación, e previndo a posible existencia doutros vertidos deste tipo ao longo do noso municipio, este Concello considérase unha vítima, xa que non está a producir estes vertidos directamente, e porque hai anos que a Xunta non inviste un só euro na ampliación do saneamento en Ribadeo, a pesares de que todos os ribadenses contribuímos na nosa factura co coeficiente de vertido”.

O rexedor engade neste escrito: “sorpréndenos que a Xunta teña esta belixerancia con Ribadeo nestes temas, cousa que non vemos en Concellos ben próximos ao noso e o que máis, tampouco vimos nestes 3 últimos anos, logo de denunciar unha infinidade de veces os vertidos de lixiviados que se producen no río Grande e que afectan ao consumo humano de auga potable do noso municipio”.

Suárez Barcia di que “temos que cumprir, e á vista dos resultados mostrados polas analíticas das augas pluviais tomadas en Cinxe e na Ponte, pregámoslles aos veciños destes lugares, así como á totalidade de Ribadeo, que adopten as medidas necesarias para evitar que se continúen a producir vertidos contaminantes como ata o de agora, pois é de obrigado cumprimento para todas as vivendas de Galicia que non dispoñan de rede de saneamento ter unha fosa séptica habilitada onde se recollan todas as augas residuais xeradas nos fogares, para posteriormente darlles a oportuna xestión”.

No Bando advirten que “se isto non é así, trataremos de identificar aos infractores e comunicarémosllo ao Ente Público de Augas de Galicia, véndonos na obriga de iniciar os expedientes sancionadores que procedan, extremo que non desexamos de ningún xeito”.