Desde estas delegacións sinalan que “se unha imaxe vale máis que mil palabras… esa é sen dúbida a máxima coa que estes días traballan os alumnos de Mira.Me, a primeira edición do curso de Marca Persoal 2.0 que puxo en marcha o pasado mes de xuño o Concello de Ribadeo”. E lembran que “o programa Mira.Me, conta con dúas fases complementarias que permitiu aos alumnos desenvolver un programa de formación continua para a optimización dos recursos 2.0 e a xestión da súa presenza on line durante varios meses. Nunha primeira fase desenvolvida dende o mes de xuño os alumnos participantes, da man de Verónica Ramallal (Pekecha), aprenderon a descubrir os valores e atributos diferenciais que lles poden axudar a diferenciarse no competitivo mercado laboral. Unha vez descubertos e definidos os seus trazos máis significativos e destacables de cara á súa promoción profesional  os participantes no programa iniciáronse a aprendizaxe da xestión da súa marca persoal na rede, as principais redes sociais e portais para a busca de emprego así como a forma de optimizar a súa presenza nestas”.

Desde as Concellarías de Mocidade e Desenvolvemento Local seguen a relatar que “posteriormente, mediante titorías individuais e o deseño dun itinerario personalizado, os alumnos desenvolveron sobre a base de todo o aprendido o guión do que será en breve a súa carta de presentación audiovisual: o seu vídeo currículo. Durante estes días, co asesoramento e a incorporación á parte técnica de El Farero, Colectivo Audiovisual, os participantes do programa Mira.Me, están xa metidos de pleno na última fase do programa, coa gravación das súas pezas audiovisuais. Nel están implicados ademais, varios axentes da vila, axudando a dinamizar o ámbito local: veciños que participan como extras, establecementos que ceden as súas instalacións para a gravación… Trátase dunha novidosa e pioneira iniciativa piloto na zona que está a ter moi boa acollida. Unha vez finalizados os vídeo currículos, e de forma posterior á súa presentación oficial, estes subirán á páxina oficial que se creará para o proxecto co fin de levar a cabo a súa difusión e con miras a que o proxecto poida ampliarse no futuro”.