O rexedor dixo que “foi unha das manifestacións máis grandes da historia de Ribadeo. Esta concentración de homes e mulleres da vila, das parroquias, do concello e doutros concellos cercanos, que tamén se achegaron aquí, é un exemplo de civismo, de compromiso e de que os que alí estivemos representantes políticos, representantes do pobo, quedou ben claro que antepoñemos os intereses de Ribadeo por enriba de calqueroutro interese político ou partidario”.

Suárez Barcia sinalou que “a pesares da inclemencia do tempo, houbo un momento no que choveu de xeito importante, a chuvia parece que nos fixo máis fortes, dado que non se moveu ninguén en todo ese momento. E iso é unha mostra da evidencia da determinación coa que estamos tomando en Ribadeo a necesidade de ter unha residencia máis grande da que xa temos. Ribadeo é certo que ten unha residencia, pero é moi pequeniña, funciona moi ben, pero é moi pequeniña. Ribadeo ten máis de 10.200 habitantes, ten máis de 800 persoas maiores de 80 anos, e ten máis de 545 persoas maiores de 65 anos que viven soas, polo tanto é unha necesidade. Ribadeo non quere ser máis que ninguén, pero tampouco menos, tal e como dicía onte algún membro da plataforma”.

O alcalde ribadense tamén valorou de xeito moi positivo que “representantes políticos da Deputación Provincial de Lugo estiveran aí para apoiar, pero tamén para evidenciar o seu compromiso. Valoro moito a pancarta na que estivemos todos os portavoces da Corporación Municipal, aínda que non estiveramos todos os concelleiros, pero sí todos os portavoces e valoro que sigamos a traballar cóbado con cóbado”. Fernando Suárez engadiu que “agardamos desde a comisión que a Xunta tome boa nota disto e principie por recibirnos e ao mesmo tempo que Ribadeo forme parte do mapa autonómico de residencias para poder seguir dando pasos e que este punto e seguido que significou a manifestación chegue a ter un compromiso firme en non moito tempo”.