A edil ribadense explicou que “hoxe viñemos confirmar que mañá, martes, o persoal que presta servizo a domicilio no concello de Ribadeo, tanto na modalidade de atención básica como en dependencia, recibirán a primeira dose da vacina contra o Covid no hospital comarcal de Burela. Serán un total de 36 traballadoras as que reciban esta primeira dose, 10 delas que prestan ese servizo na modalidade básica e 26 que atenden a persoas en situación de dependencia”.

Mónica Freire sinalou que “desde o Concello de Ribadeo estamos moi esperanzados por esta vacina. É algo que nos dá moita tranquilidade e moito alivio para que as condicións nas que atenden estas traballadoras, xa sexa pola súa seguridade e tamén pola seguridade e tranquilidade dos usuarios, sexa xa unha realidade. A vacinación coa primeira dose a estas traballadoras que atenden a este segmento da poboación máis fráxil da nosa sociedade encamíñanos a esa nova normalidade da que tanto falamos e que xa albiscamos por fin no tempo”.