Suárez Barcia dixo que “como conclusión de todos estes eventos que tivemos onte en presenza de Pía Bucella, a directora xeral da Comisión Europea no tocante a Medio Ambiente, Natureza e Biodiversidade, a praia das Catedrais foi protagonista absoluta e todo isto foi un paso adiante fundamental nunca dado en toda a historia.Foi moi positiva a súa presenza, a implicación que ela tivo coa praia das Catedrais e eu espero que se vaian dando pasos cara adiante no futuro inmediato, que nos leven a pensar que en pouco tempo aquí ten que haber cousas importantes”.

O alcalde ribadense engadiu que “a pesares de que digo isto a reunión institucional de onte pola tarde foi bastante pobriña, porque os representantes das institucións quizás non eran os máis adecuados. Sí que había un alto nivel político nos representantes da Deputación Provincial de Lugo, pero non así do Estado e desde logo na Xunta de Galicia, que non mandaron máis que un técnico que o primeiro que dixo foi que lle parecía ben todo, pero que el se ía limitar a tomar nota e transmitir, porque era un funcionario e non un cargo político relevante que puidera tomar acordos”.

Fernando Suárez considera que “en todo caso e a pesares dese borrón en todo o día onte eu creo que nos vaia levar agora a que desde o Concello e desde o goberno municipal non teremos ningún problema en admitir unha serie de suxestións que tanto o PP como o PSOE locais plantexaron sobre a praia das Catedrais, que nós como goberno compartimos tamén plenamente e esperemos que poidamos ter un acordo de mínimos que poidamos debater e acordar no pleno municipal e que tamén sexa un documento de arranque para que se poida debater e aprobar tanto no pleno da Deputación Provincial de Lugo como no Parlamento Galego”.

O rexedor cre que “é unha tarefa de todos, aquí ninguén busca protagonismo, en todo caso o que estamos facendo é poñer de protagonista á praia das Catedrais porque o merece como fonte de riqueza turística para Ribadeo e para A Mariña de Lugo e tamén como monumento natural que merece unha protección e un plan de usos e de actuación coordinado entre todas as administracións implicadas”.