O rexedor contou que “neste pleno extraordinario que celebramos onte o acordo foi adoptado absolutamente por unanimidade. Tampouco quedaba moita máis marxe para que calquera dos grupos da Corporación fixéramos outra cousa, dado que o que está facendo nestes últimos tempos o Concello de Ribadeo precisamente vai na liña destas propostas que tiña o Ministerio para que nos puideramos adherir os concellos, no sentido de que estamos impulsando actuacións electrónicas na relación cos veciños así como tamén estamos simplificando moito os trámites para o inicio de actividades empresariais”. Suárez Barcia engadiu que “de aí que se adaptaban moito estas novidades ao que nosoutros xa estamos facendo, pero en todo caso con estes compromisos de adhesión a estes criterios vamos ter uns 140 puntos básicos menos no tipo de interese que o Concello ten que aboar ano tras ano durante os próximos oito exercicios, o que vai supoñer un aforro para as arcas públicas duns 96.000 euros. Iso daranos máis marxe para seguir facendo actividades de inversión en servizos sociais, no medio rural, nas parroquias, etcétera. De aí que felicito a todos os corporativos por adoptar este acordo unánime”.