Fernando Suárez quixo “facer unha valoración moi positiva e agradecer o comportamento sensato e unánime de toda a Corporación Municipal á hora de aprobar este convenio marco entre o Concello e máis a Deputación de Lugo para a xestión da futura residencia de maiores de Ribadeo”.

O rexedor sinalou que “hai que ter en conta que este convenio, no que levamos un tempo traballando con moita discreción, pero con moito afinco tanto por parte dos técnicos municipais do Concello de Ribadeo e dos técnicos da Deputación, así como outros por outros Concellos que imos crear, que estamos iniciando esta rede provincial de residencias, e que os destinatarios máis beneficiados van ser os nosos veciños e as nosas veciñas nunhas condicións económicas moi boas para eles”.

O alcalde ribadense subliñou que “ninguén vai quedar sen entrar nestas residencias por cuestións económicas. Aínda que non teñan recursos económicos, a Deputación e o Concello na súa proporción poñerán estas diferenzas do que non poidan pagar. Ao mesmo tempo terán preferencia primeiro os do noso concello, despois os da nosa bisbarra e finalmente os da provincia. Isto é algo que cambia radicalmente algunhas das dúbidas que podían planear sobre este tipo de residencias”.

Fernando Suárez manifestou á saída do pleno que “a maior garantía de que isto vaia adiante, e que vaia adiante canto antes, foi precisamente a unanimidade de todos, a unanimidade do Bloque, do PP, do PSOE e de Ciudadanos”.

O alcalde mostrouse “moi contento de que en Ribadeo ás veces, e a pesares das diferenzas e das discusións, ogallá se siga mantendo esta idea de que cando hai asuntos transcendentes todos somos unha mesma voz, un mesmo voto, que en definitiva é para beneficio dos nosos maiores, dos nosos veciños e veciñas que queren pasar os últimos anos da súa vida tamén en Ribadeo e cunhas condicións moi boas, inmellorables diría eu”.