Foron moitos os hostaleiros ribadenses e tamén profesores das escolas de hostalería máis próximas os que se deron cita no hotel restaurante Voar para escoitar e ver a elaboración das propostas realizadas por Pañeda que basea o seu éxito “na humildade, o sentimento e a dedicación a esta profesión”. Así o definiu a concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, que foi a encargada de presentalo.

Gonzalo Pañeda dixo que na mini cociña hai que saber diferenciar entre tapas, pinchos e aperitivos e indicou que o máis importante “é o cariño co que se elaboran os pratos e que a materia prima sexa de primeira calidade. A partires de aí pódese facer un bó pincho”. Os asistentes ao curso viron como Gonzalo Pañeda facía varias preparacións, por exemplo: unha tosta con pementos asados e atascaburras decorada cunha folla de espinaca frita; unha tapa elaborada con queixo Rey Silo, sardiña marinada, trompetas dos mortos, patacas chips violetas e mermelada de tomate ou outras propostas realizadas con gambas e tamén con ourizos, entre outros ingredentes.