A comisión que demanda unha residencia de maiores en Ribadeo mantivo esta tarde unha reunión urxente na que acordou enviarlle un burofax á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, para que a Xunta autorice formalmente a construción desta infraestrutura.

A carta dirixida a Mato di que “en relación co asunto da residencia de maiores de Ribadeo do que levamos agardando pola autorización autonómica desde hai semanas (e que nos consta que xa dispón de informe técnico favorable) sen ter aínda resposta, a pesares das reiteradas chamadas que levamos realizado nestes días, pedímoslle unha vez máis, e de xeito inmediato, resposta formal de autorización para a construción da residencia, por mor do cuantioso investimento económico que xa a finais deste ano 2014 debe xustificar o Concello perante a Deputación Provincial de Lugo”.

Nese escrito a comisión engade que “de non obter resposta satisfactoria antes do venres 14 de febreiro, esta comisión, e de acordo co pobo de Ribadeo, verase na obriga de adoptar outro tipo de medidas”.

A Área de Benestar da Deputación anunciou a finais do pasado mes de novembro que aportará 1.828.000 euros para a construción da residencia da terceira idade en Ribadeo. Farao en catro anualidades, a primeira delas será a deste 2014.