O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que “estamos de acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias, por que a estas alturas do século XXI non se poden permitir agresións ou accións que vaian en contra dos dereitos e das liberdades das persoas. Iso é unha aberración que ocasionará danos irreparables como a perda de vidas inocentes, entre as que se poden atopar nenas e nenos ademais das persoas adultas, que están a loitar para defenderse desta invasión rusa. Esta guerra traerá penurias económicas para Ucraína, das que tardará anos en recuperarse”.

A Fegamp indicou que “as guerra son unha traxedia e un retroceso da civilización. Non hai nada que xustifique as vítimas mortais e o cruel sufrimento dos superviventes, que marcará o resto das súas vidas” e sinalou: “unimos a nosa voz ás que apreman ao dirixente ruso para que cese os ataques e a invasión do territorio ucraíno inmediatamente”.

Desde a Fegamp engaden que “apoiamos a labor da comunidade internacional por restablecer a paz e salvagardar a independencia de cada país e poñémonos á súa disposición para axudar, dentro das nosas posibilidades, naquelas medidas que procuren a protección e benestar das persoas que foxen do conflito para salvar a vida”.

O rexedor ribadense manifestou que “contra o terríbel ataque e invasión de Rusia a Ucraína so podemos dicir non á guerra”. E fixo alusión a unha frase de Eduardo Galeano: “ningunha guerra ten a honestidade de confesar: eu mato para roubar”.