Coincidindo co Día Mundial das Aves mañá sábado, 5 de outubro, o Concello de Ribadeo fará público o seu novo proxecto de turismo ornitolóxico denominado Ribadeo Birding. Segundo explica a concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez, “trátase dunha nova iniciativa, orientada á promoción de toda a riqueza natural que a ría de Ribadeo pode ofrecer ao visitante. Ribadeo Birding é un proxecto baseado na difusión da potencialidade e riqueza natural da zona, así como na gran variedade de actividades e servizos complementarios que o visitante pode atopar”.

A edil nacionalista di que “Ribadeo Birding consta dunha completa web informativa para o visitante e un folleto turístico que, unha vez na vila, o guiará e orientará sobre as rutas e recursos naturais dos que pode disfrutar. Na web, o visitante poderá atopar tamén o aloxamento que máis se adapte as súas necesidades, a mellor gastronomía e todas as actividades de ocio complementarias que farán da súa estancia na vila unha auténtica experiencia”.

Ana Martínez sinala que “estamos diante dun proxecto de dinamización turística de Ribadeo, que busca descubrir ao visitante moito máis alá do que habitualmente coñece,  ofrecendo unha completa visión de toda a oferta de ocio que a vila pon a súa disposición. Dende Desenvolvemento Local e Turismo do Concello de Ribadeo e da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo (a través das mesas microsectoriais) o que se persegue con esta iniciativa é demostrar o enorme potencial que tanto a vila como o entorno natural que a rodea, ten de cara a converter a Ribadeo nun destino turístico máis alá de períodos estacionais, así como descubrir ao visitante as infinitas actividades de ocio que ten o seu alcance.  Un turismo próximo, e de calidade, que nos invita a descubrir os recunchos máis paisaxísticos e os recursos máis  fermosos de Ribadeo”. O acto de presentación de esta nova iniciativa terá lugar o mañá, sábado, ás 11 horas na Oficina de Turismo da vila. Durante o mesmo presentarase  o portal web turístico  http://birding.ribadeo.org/ E seguidamente presentarase tamén un novo folleto turístico, dedicado á ría de Ribadeo e ás súas aves, e que será unha pequena ferramenta que axudará ós visitantes a coñecer e disfrutar deste importante humidal.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo engadiu que “por último, e como colofón a estas presentacións, realizarase unha pequena ruta urbana pola beira da ría para intentar observar algunhas das aves que nesta época do ano nos acompañan. Terá unha duración dunhas dúas horas e recoméndase aos interesados en asistir que vaian provistos de prismáticos”. Martínez subliña que “Ribadeo Birding é unha iniciativa aberta a todos establecementos que se queiran sumar a ela. O obxectivo último que persegue é a desestacionalización do turismo no período comprendido entre outubro e a primavera”. Tras a presentación, que terá lugar mañá, quedará inaugurado oficialmente o mes do turismo ornitolóxico en Ribadeo.