A edil nacionalista dixo que “facendo balance dos visitantes que durante este mes de xullo se achegaron a Ribadeo, podemos dicir desde a Delegación de Turismo que estamos bastante satisfeitos porque, a pesares de que a climatoloxía non acompañou moito, os visitantes foron en aumento”.

A concelleira de Turismo considera que “Ribadeo segue a ser un destino turístico de referencia e podemos constatalo coa demanda que se ven dando nas oficinas municipais de turismo. De feito temos un incremento importante en canto ao ano 2016 e iso fainos estar bastante contentos. O mes de xullo sempre é un pouco máis frouxo que o mes de agosto, e aínda así temos que falar que o incremento de visitantes acadou unhas 9.000 persoas máis que no ano anterior. Segundo as cifras que temos recollidas na oficina de turismo polas nosas técnicas municipais, durante o mes de xullo á oficina de turismo do centro de Ribadeo achegáronse 11.194 persoas e pola das Catedrais pasaron 18.826 persoas, o que fai un total de 30.020 viaxeiros e viaxeiras que utilizaron os servizos municipais do Concello de Ribadeo para solicitar información.  Esta cifra débese nunha maneira bastante importante a que houbo un aumento de preto de 8.000 persoas máis na praia das Catedrais”.

Ana Martínez subliñou que “a pesares de que temos un número importante de visitantes, as pernoctacións seguen sendo curtas e polo tanto é un traballo no que nós tamén queremos seguir afondando”.

A concelleira ribadense engadiu que “o número tan importante de visitantes que se achegan á praia das Catedrais tamén nos fan unha serie de demandas porque teñen bastantes problemas aínda para solicitar o acceso en ocasións a este areal. Eu dende aquí faría un chamamento pola necesidade de wifi para que a xente cando chegue á praia sen o pase de acceso poida solicitalo. Hai ocasións nas que aínda habendo prazas nos din que non poden acceder porque lles é imposible no momento solicitar ese acceso”.

Ana Martínez subliñou que “Ribadeo segue sendo ese punto de referencia durante o verán para moitas persoas, ségueo sendo a nivel de familia, a nivel individual, pero tamén seguimos tendo, e ademais en aumento importante, un turismo de grupo. Hai anos era difícil ver chegar a Ribadeo autobuses con xente para visitar o noso concello e durante este mes de xullo o número de grupos foi importante. Falamos dunha vintena máis ou menos na oficina de turismo do centro da vila, e de 23 grupos organizados que se achegaron á da praia das Catedrais tamén en demanda de información. Non sempre todo o mundo acude ás oficinas e isto é unha porcentaxe do número de visitantes que se achegan ao noso concello”.

A responsable de Turismo quixo resaltar “o traballo que se fai nestas oficinas de turismo municipal, onde se informa das actividades que se poden facer estes días no concello e na praia das Catedrais, do que a xente pode vir facer a Ribadeo. Falamos de actividades musicais, de visitas guiadas, que este ano tamén se están dando durante as mañás dos martes e as tardes dos xoves pola parte indiana e o casco antigo de Ribadeo, e seguimos incidindo en que non soamente hai que quedar na praia, senón que tamén hai que vir a coñecer Ribadeo”.

Ana Martínez relatou que “aproximadamente son 1.000 persoas as que cada día  solicitan información nas dúas oficinas de turismo. Resaltar o 27 de xullo no que esta cifra foi récord e atendéronse 1.500 persoas. Normalmente este turismo é nacional e procede de Madrid, Castela-León, Euskadi, Andalucía e Galicia, e durante este ano recibimos un incremento importante de turismo do sur. Este turismo nacional fai un 88% dos visitantes que se achegan a Ribadeo”.

A concelleira ribadense incidiu tamén no turismo internacional: “o incremento de turistas estranxeiros, nun 12%. O maior número son franceses, seguidos de alemáns, ingleses, estadounidenses, italianos, arxentinos e tamén australianos. Este é un dato importante porque o turismo estranxeiro non é exclusivamente de verán e nel queremos seguir traballando”.

Ana Martínez relatou que “o Camiño de Santiago cada ano trae máis visitantes e durante este mes de xullo calcúlase que 1.682 peregrinos fixeron o Camiño do Norte, o que é un número moi significativo. Durante este mes estivemos aínda coas obras do albergue municipal de Vilela, co cal as 12 prazas de Ribadeo estiveron ocupadas todos os días. Esta fin de semana remataron as obras e polo tanto contaremos de novo con 22 prazas de albergues máis para os peregrinos”.

A edil de Turismo rematou a súa intervención coa seguinte reflexión: “durante o mes de xullo a ocupación hoteleira de Ribadeo estivo entre o 85% e o 90%. Isto supón unha satisfacción a nivel municipal, pero desde logo un recoñecemento ao traballo particular de moitas e moitos hostaleiros, comerciantes e xente do sector servizos de Ribadeo. Sen esa parte do sector privado o traballo de turismo sería imposible, sen ter unha hostalería e un comercio de calidade como o que temos probablemente estas cifras non serían as que son”.