A edil nacionalista fixo unha valoración positiva do número de visitantes e turistas que se achegaron a Ribadeo tanto no mes de xullo como dos primeiros días de agosto. Ana Martínez subliñou que “Ribadeo e a praia das Catedrais seguen a ser unha referente na Mariña, de feito a media de persoas que acuden a este areal por día ronda as 1.000. Comparando os datos cos do ano pasado vemos que a cifra de visitantes segue a subir, precisamente neste momento de crise no que todos os indicadores están á baixa no noso caso non é así, cada vez son máis as persoas que nos visitan e máis diversas as súas procedencias”. Durante o pasado mes de xullo 8.000 persoas se achegaron á oficina de turismo de Ribadeo e máis de 10.000 ao punto de información turística das Catedrais, “neste último caso empezamos a contabilizar á xente o 9 de xullo, que foi cando comezamos a traballar no punto alí instalado”.

A concelleira de Turismo sinalou que “nestes primeiros días de agosto foron máis de 1.000 as persoas que pasaron pola oficina de turismo de Ribadeo, a nivel hoteleiro estáse a rexistrar unha ocupación media do 80%, aínda que hai casos que chegan ao 100%. Hai un descenso no consumo dos viaxeiros, xa que se gasta menos que outros anos. Agardamos que ese pequeno aumento no número de visitantes que se está a producir en Ribadeo complemente un pouco a diminución do consumo”.

Ana Martínez engadiu que “nós o que buscamos é que ese viaxeiro se encontré ben aquí, que faga de Ribadeo un lugar de regreso e que trasmita esas belezas do noso territorio para que outras persoas sigan a vir a disfrutar deste patrimonio, que é de todos”. A edil de Turismo lembrou que “hai tres días presentamos unha guía turística de Ribadeo que está a ter moi boa acollida tanto entre os visitantes coma entre os ribadenses. Con ela esperamos chegar a todos os rincóns e levar o nome de Ribadeo cara todos os sitios, mesmo cara o extranxeiro porque está feita en catro idiomas buscando a atracción dese turista, non só próximo senón que poida vir doutros lugares nos que xa se nos coñece pola praia de As Catedrais. Buscamos  que ese turista disfrute e conviva con nós”.