A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez, lembrou que “Ribadeo Birding é unha iniciativa que xurde no traballo das mesas microsectoriais de turismo, que durante este inverno e coa axuda da Deputación de Lugo estivemos a levar adiante co sector turístico. Este produto o que busca é desestacionalizar un pouco o turismo, como xa fixemos coa presentación dos bonos gastronómicos”. A edil nacionalista dixo que “se trata dunha iniciativa orientada á promoción de toda a riqueza natural que ten a ría de Ribadeo, de todo o que esta ría lle pode ofrecer ao visitante. Hai que lembrar que a ría de Ribadeo ten varias proteccións de importancia e hai unha moi importante que é que está dentro do convenio internacional Ramsar, é a única zona da provincia de Lugo incluída no mesmo e unha das cinco de Galicia. É importantísima polo avistamento de aves”.

Martínez sinalou que “aproveitando toda esta riqueza da nosa ría arrincamos con este Ribadeo Birding. A Ribadeo chegan a invernar un número importante de aves. E xa que falamos de inverno falamos de desestacionalizar, é un visitante que se move desde o outono ata a primavera, cada vez está máis en auxe, move a miles de persoas non só de proximidade, senón que se desprazan do norte e do centro de Europa para ver aves que noutros lugares non poden observar. Así xurdiu Ribadeo Birding”.

A concelleira de Turismo engadiu que “fixemos unha páxina web, onde non só podemos ver as especies que están en Ribadeo e consultar para a súa observación e os puntos máis importantes para velas, senón que o visitante pode informarse de actividades turísticas complementarias e de aloxamentos. Incluso o proxecto está aberto a que a xente das distintas empresas turísticas e hostaleiras que queiran poñer a disposición dos visitantes as súas propostas gastronómicas, de pernoctación ou das actividades que organizan a que poidan presentarnos as súas ofertas e que estas aparezan recollidas na páxina web. A web está en tres idiomas: galego, castelán e inglés, neste último caso pensando nese turista estranxeiro que se pode achegar cara Ribadeo entre outono e primavera e a maiores temos un soporte en papel no que a xente pode ir marcando a ruta a seguir. Nel aparece un mapa  no que se poden ir vendo os principais lugares de avistamento de aves”.

Martínez subliñou que “debemos buscar, captar, entreter e motivar dun xeito sostible a ese turista que pode chegar a Ribadeo para disfrutar do noso inverno”. Na web http://birding.ribadeo.org/ recóllese que si por algo destaca a ría de Ribadeo é por ter unha especial importancia para as aves. Durante o inverno, convértese en refuxio para unha gran variedade de especies que veñen dende o norte de Europa en busca de climas máis benignos para pasala estación fría. Moitas delas utilizan a ría coma un lugar de parada no que descansar e repoñer forzas, antes de continuala súa viaxe cara ós seus cuarteis de inverno (sur da Península ou África).

Pola contra, outras moitas elixen a nosa ría coma o seu destino definitivo, converténdose no seu lugar de invernada. Nesta época destacan polo seu gran número os grupos de limícolas, gaivotas, garzas, e moi especialmente as anátidas, con grandes concentracións de pato rabilongo (Anas acuta), lavancos (Anas platyrhynchos), asubiadores (Anas penelope) ou cercetas (Anas crecca). De tódolos xeitos, aínda que esta sexa a época con máis abundancia de aves debido á chegada das invernantes, durante todo o ano os afeccionados á ornitoloxía poden gozar da observación, posto que nas distintas épocas de paso migratorio, ou mesmo no verán, se poden ver outras especies novas procedentes doutras latitudes, que se suman ás que durante todo o ano viven aquí.