Dende a Concellaría de Turismo explican que “este proxecto ten como obxectivo provomer Ribadeo como un destino perfecto para a celebración e organización de eventos e encontros co fin de favorecer un maior dinamismo neste sector e a desestacionalización do turismo”. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que “queremos facer de Ribadeo un lugar atractivo para facer eventos, congresos, reunións de empresas, de todo tipo de asociacións, que moitas veces escollen ás cidades para facer estes eventos e se esquecen de concellos coma o noso, cunha capacidade hostaleira, de servizos, de ocio, francamente importante”.

Dentro deste proxecto está contemplada a creación dunha aplicación informática que axude e facilite a organización de eventos en Ribadeo e que ao mesmo tempo aglutine toda a información relativa á organización de eventos (características dos hoteis, salas, restaurantes, actividades de ocio, etc…). E tamén se contempla a comercialización do producto a través da configuración de paquetes relativos ao proxecto.

O Concello enviou comunicacións deste encontro á hostalería local, a axencias de viaxes, empresas de autobuses, empresas de ocio e tempo libre, hoteis, casas de turismo rural… Suárez Barcia dixo que é “un encontro aberto a todo o mundo que mañá se queira achegar ao Concello. Queremos desestacionalizar o turismo con esta iniciativa e así poñer a Ribadeo á altura doutras cidades de moita máis poboación”. A Concellaría de Turismo convoca aos axentes do sector a esa xuntanza prevista para mañá martes, “para comezar a traballar en cooperación e colaboración, de forma que o producto resultante se adapte ás necesidades dos participantes”. Ao encontro asistirán o alcalde, Fernando Suárez, e a concelleira de Turismo, Ana Martínez.