O rexedor dixo sentir “unha enorme alegría e satisfacción de ver este certificado de excelencia que Tripadvisor, este portal web internacional onde millóns de persoas de todo o mundo buscan os seus lugares de destino para vacacións, etcétera, porque Ribadeo segue brillando no mundo con luz propia, tanto pola calidade dos seus aloxamentos e restaurantes, pois hai que ter en conta que 5 e 7 establecementos respectivamente teñen estes distintivos de calidade. E logo tamén porque das marabillas naturais que conseguimos non estragar, xa que afortunadamente aquela burbulla que tan mal fixo en todo o litoral aquí, a Ribadeo, non chegou a recalar, e temos marabillas como As Catedrais ou a Illa Pancha, que son merecedoras tamén de recoñecementos internacionais xa por varios anos consecutivos”.

Para Fernando Suárez “o que fai isto é darnos ingredientes para seguir traballando nun produto turístico de calidade e ao mesmo tempo ir logrando pouco a pouco a desestacionalización do turismo, que é esa palabra máxica que todo o mundo quere chegar a ela e que case ninguén consigue: é ter xente que nos visite pola riqueza económica que iso xera máis aló de 20 días no verán. Pouco a pouco co esforzo de todos, tamén do sector da restauración, dos hoteis, dos aloxamentos e do Concello para seguir poñendo a Ribadeo no mundo, con multitude de iniciativas e defendendo sempre os intereses da nosa xente e dos nosos sectores económicos”.

O alcalde de Ribadeo alégrase “de que Tripadvisor, que é unha iniciativa privada pero ten unha repercusión internacional indubidable hoxe en día, se fixara un ano máis en Ribadeo, nas Catedrais, na Illa Pancha e nos diferentes aloxamentos e restaurantes premiados do noso concello”.