O alcalde ribadense asegura que “teño a completa certeza de que faltando tan poucos días para as eleccións de aquí ao final de campaña recibirei ataques continuos por terra, mar e aire, pero tamén é a miña obriga expoñer a realidade que os técnicos municipais me indican aquí no Concello”. E explica “a respecto desta suposta sentencia que di que o Concello terá que pagar diñeiro pola inadmisión dunha traballadora que non superou unhas probas ás que non se presentou, debo retar a que quen teña esa sentencia que a exhiba”.

Fernando Suárez di que “segundo os abogados do Concello, que son os da Deputación Provincial de Lugo, e segundo os técnicos municipais o Concello sempre fixo en dereito o que procedía. O Concello convocou unha praza para resolver unha situación anormal, convocou, creóuna e cubríuna polo sistema de igualdade, capacidade, mérito e publicidade. Esta persoa que nos demandou non se chegou a presentar a esa convocatoria, a posteriori levóunos á maxistratura e perdeu en primeira instancia, o xulgado de Lugo déulle a razón sistemáticamente ao Concello, aínda que esta cidadá, porque estamos non estado de dereito, apelou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, quen lle deu a razón en segunda instancia polo que nós, utilizando os recursos que da o estado de dereito, quixemos ir ao Tribunal Supremo apelando en unificación de doctrina, dado que é un asunto moi complicado xa que un xulgado da a razón e outro a quita”. O rexedor engade que “quixemos así apelar ao Supremo e o TS hai poucos días dicta unha providencia na que di que pode haber unha causa de inadmisión do recurso de casación do Concello, nós alegamos a esa posibilidade e está pendente de resolver”.

Suárez Barcia recalca que “a día de hoxe non hai nada, o Concello sempre fixo o que debeu facer e o que lle recomendaron os técnicos municipais e da Deputación Provincial. Non pode o alcalde saber nin ser adiviño de cómo vai ser esta sentencia, pero que non hai sentencia téñoo tan claro como que no momento no que estou a falar é día”.