Álvarez Lastra manifestou que “eu como concelleira de Igualdade, como responsable polo tanto da área que fixo a publicación desas axudas e que imos axudar a facer a súa tramitación como nos corresponde, non podo máis que estar sorprendida e ao mesmo tempo indignada por esas declaracións. En primeiro lugar o que teño que dicir é que o Concello non usurpa nada, estamos traballando en institucións, en administracións, o diñeiro non é de ningún grupo político nin de ningún concelleiro en particular. Polo tanto o que se fai desde o Concello de Ribadeo, que se veu facendo sempre, e fíxose moito máis intensivo neste tempo de confinamento, é informar á cidadanía. O Concello é a administración máis próxima á cidadanía e como tal debemos darlle toda a información, o máis transparente posible, transmitírllela e desde logo axudarlle a facer todas aquelas tramitacións, veñan da administración que veñan, para tramitar as axudas que sexan”.

A edil de Igualdade dixo que “estamos falando neste caso dunhas axudas á conciliación, duns bonos á infancia para as familias. Evidentemente é da Xunta de Galicia, está publicado no DOG. As familias non len o DOG nin van ler o Boletín Oficial do Estado, polo tanto fíxose unha infografía, colgáronse nas redes sociais e transmitiuse toda a información facendo significativo onde hai que tramitalas, é dicir, a través da Xunta de Galicia, e está tamén o logo da Xunta de Galicia, podemos ser cegos ou non ser cegos”.

A concelleira ribadense sinalou: “nos indigna e nos sorprende que nestes momentos no que as familias teñen un problema moi grave de conciliación, no que as mulleres teñen que incorporarse aos seus postos de traballo, e sobre todo no noso Concello onde nos vemos atados de pes e mans porque as ludotecas a día de hoxe seguen pechadas, a pesar de petar ás portas da Consellería de Política Social para que diten unha resolución ou para que cando menos teñamos a garantía, a certeza ou a incerteza, de que van abrir ou non, non somos capaces de que saquen ningún protocolo para que  iso sexa efectivo. Polo tanto eu pediría colaboración para que entre todos sexamos capaces de que se poñan as cousas claras. En lugar de andar incentivando para que se fagan festas de mil persoas será mellor que se atenda aos nenos e nenas e que se axude ás familias que levan cos menores nas casas durante un trimestre escolar. Se aveciña un verán de incorporación ao traballo e á normalidade e non teñen onde deixar aos seus cativos”.

Álvarez Lastra salientou que “ningún partido político debe facer acopio, claro que non, debemos colaborar institucionalmente, e só faltaría que o Concello de Ribadeo non tramitase esas axudas. Ademais o bono coidado non é nada novo, está aumentado e congratulámonos por iso. Xa os CIM pedírano noutras ocasións e agora amplíase. É certo que a tramitación non é doada e as familias ás que vai chegar tampouco porque require, a parte dunha contía de ingresos económicos, que haxa unha persoa contratada e iso é difícil de facer nos momentos nos que estamos, e as familias que ao mellor xa optaron por esa vía non teñen ese requisito”.

A edil de Igualdade fixo fincapé en que “para nós é prioritario e fundamental que, no noso concello por exemplo, as ludotecas poidan abrir porque hai unha normativa de axudas a ludotecas pero soamente, para que a xente se entere, as ludotecas que poden optar a esas axudas son quince en todo Galicia, e en Ribadeo ningunha delas está homologada para poder optar a esas axudas. Polo tanto a parte de incentivar o traballo, de falar dese plan de reaxuste económico e de potenciación da economía do noso concello, Ribadeo si está neste momento en dispoñibilidade dun bono axuda de coidado directamente ás familias para que poidan acudir alí e poidan levar aos nenos e ás nenas, cun tramo de idade e cunhas medidas que se ditaminen nun protocolo, pero queremos ese protocolo xa. Polo tanto que axuden, que presionen nese sentido. Non se trata de sacar rendemento político. Nós non estamos en campaña electoral, nós non perdemos nada, nós estamos xestionando para a cidadanía de Ribadeo. Imos seguir informándoos, imos seguir axudándoos, e desde logo as técnicas municipais tanto do Centro de Información á Muller como da Axencia de Desenvolvemento Local, que foi onde se publicaron, é unha das súas funcións e imos seguir facéndoo. Polo tanto non se trata de contrapoñer nada. Gustaríame tamén que fagan alegacións á nosa ordenanza municipal porque é verdade que a nosa ordenanza municipal dos bonos das ludotecas está desde o ano 2006, modificada no 2011, e vemos a necesidade de modificala novamente por esta pandemia”.

Mariluz Álvarez Lastra cualificou de “inxustísimo e indignante o que se acaba de publicar, e desde logo que un partido político se queira apropiar do diñeiro público que todos os cidadáns aportamos cos nosos impostos para, nestes momentos de tanta crise, de tanta necesidade tanto económica como social e de conciliación, crear servizos, é cando menos indignante. Polo tanto apropiación ningunha, sentido común e responsabilidade toda, preocupación polo ámbito de conciliación familiar que me incumbe á area do Concello que eu levo e ao goberno municipal toda, e inviabilidade de poder facer outro tipo de actividades cos protocolos de seguridade de hixiene por precaución cos cativos máis pequenos tamén. Polo tanto eses campamentos que oferta a Xunta son a partir de 9 anos, temos un tramo de idade de nenos moi pequenos que queda totalmente descuberto, que van ser algúns beneficiarios con estas axudas e debido á súa tramitación temos que axudarlles a ofertalo. En política non todo vale”.