Fernando Suárez quere “responder dunha maneira contundente a estas declaracións que a Xunta de Galicia fai indicando que o Concello de Ribadeo é o responsable da traída de auga, e que cando rompe quen ten que reparala o Concello. É certo que o Concello ten que reparar cada vez que rompe, sempre que rompe así o fai, e tamén a mantén continuamente ao longo do tempo, tanto que xa van corenta anos desde que se instalou esta traída que vai desde Trabada ata Ribadeo por unha acometida de máis de 20 quilómetros”.

O alcalde puntualizou que “as taxas que cobramos desde o Concello dan basicamente para o mantemento do servizo, non para as obras extraordinarias como é a substitución de 20 quilómetros de tubaxe entre estes dous concellos con custes, segundo a Xunta, de máis de 5 millóns de euros. Debo lembrar a todo o mundo que segundo a lei de augas de Galicia aprobada na época de Feijóo, no seu artigo 44 di que a recadación que obteña a Xunta con este canon da auga quedará afectada ao apoio económico ás administracións que, como a nosa, exerzamos as competencias no ámbito do ciclo da auga”.

Suárez Barcia lembra que “o Concello de Ribadeo recada entre todos os usuarios da auga uns 400.000 euros ao ano que lle entrega á Xunta de Galicia para que, en aplicación desta lei, faga obras públicas nesta materia”.

Para o rexedor ribadense “a Xunta algo si se debe sentir implicada cando se tomou a molestia de facer un proxecto global hai varios anos, para cambiar esta acometida, que está metido nun caixón. Aínda despois fixo unha separata ao proxecto inicial para facer un novo depósito que tampouco fixo, e dixo estar facendo un pequeno proxecto, cada vez é menos ambiciosa no que quere facer para Ribadeo, para volver utilizar as captacións das Fontes do Lobo entre Ove e Piñeira para conectalas á rede xeral, pero tampouco sabemos nada e xa vai máis dun ano de todo iso. A Xunta algo debe de estar afectada porque fai proxectos, pero polo motivo que sexa non os quere executar. Cales son estes motivos é moi claro, só hai que ver o Diario Oficial de Galicia onde se publicitan os convenios que asina a entidade pública Augas de Galicia para obras hidráulicas cos concellos. Se un ve pormenorizadamente os concellos, a práctica totalidade son do PP e para os demais, como din os vellos, veleno. Polo tanto a Xunta está actuando da peor maneira do caciquismo decimonónico que neste país se estendeu ata o día de hoxe. Actúa dun xeito miserable, e non porque viva nun estado de pobreza nin moito menos, senón porque actúa con mala intención sen importarlle o dano que causa aos demais”.

O alcalde está convencido de que “a medida que se acheguen as eleccións anunciará as actuacións que agora non fai. Isto é o comportamento que as xentes deste nobre concello temos que sufrir da Xunta de Galicia. Se isto nos corresponde a nós que a Xunta me diga que deixemos de recadar o canon da auga, que non llo ingresemos á Xunta, ingresámolo nunha conta do Concello e ao cabo dun tempo poderemos facer a obra nosoutros. É inxusto que nos drenen uns tributos que nin sequera nos retornan, xa non pedimos máis. Pedimos en xustiza que nos retornen o que drenan de Ribadeo”.