A Casa da Xuventude será escenario dun curso denominado Por qué non traballamos en equipo? Habilidades para o traballo en contornos cooperativos. Trátase dun obradoiro gratuíto de 20 horas de duración, que “nos fará reflexionar sobre o traballo en equipo e  súas vantaxes”, explican desde a Concellaría de Desenvolvemento Local. Está organizado pola UGACOTA (Unión de Cooperativas de Traballo Asociado) e vinculado á rede EUSUMO. O curso impartirase ao 12 ao 15 de xullo 9:30 a 14:30 horas.

A rede EUSUMO é unha rede de colaboración cofinanciada polo Fondo Social Europeo e impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social.

Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local sinalan que “o que se pretende é que as persoas que participen no curso poidan desenvolver as habilidades persoais claves no traballo colaborativo, así como coñecer os recursos e metodoloxías que nos axuden a traballar e mellorar as habilidades sociais, sen descartar o descubrir e aplicar as habilidades persoais nun contorno cooperativo”.

A acción formativa configúrase en catro sesión de 5 horas de duración cada unha. En cada sesión traballarase sobre unha habilidade específica, desenvolvemento dinámicas e actividades colaborativas e contextualizando a actividade no marco da xestión da cooperativa.

Na primeira sesión presentarase a UGACOTA e a rede EUSUMO, explicarase como se traballa nunha cooperativa, as habilidades para manexar emocións, o autocoñecemento e autoestima. Na segunda sesión a comunicación será a protagonista. A escoita activa, as barreiras da comunicación, a empatía e asertividade ou a habilidade para xestionar críticas, peticións e eloxios serán outros dos aspectos que se analicen. Na terceira sesión analizaranse as habilidades en xestión social, traballo en equipo, as fases de maduración do equipo, os roles nos equipos de traballo… E na cuarta sesión os asistentes abordarán a toma de decisións, as vantaxes e inconvintes…

O Concello de Ribadeo, como entidade colaboradora, non é alleo ás novas tendencias “e cre preciso desenvolver a formación que conleve o fomento do espírito emprendedor no ámbito local, comarcal e transfronteirizo prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía local”.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo no seguinte enlace:

https://docs.google.com/forms/d/1A8wHF6_z6CKzqKgeaDUg80wfzQY7OW2YqTnJCOMSY_k/viewform