As Towanda Rebels son Teresa Lozano e Zúa Méndez que contan cunha canle de youtube https://www.youtube.com/channel/UCr4l0skM9D5RcY4Cwd2V-MA “Méndez e Lozano estaban fartas dun mundo no que se tiña que estar caladas, onde estaba prohibido dicir o que pensaban. Este traballo é o resultado da súa propia revolución feminista, da súa loita contra os imperativos impostos ás mulleres, como a da beleza tiránica. Contra o silencio esixido, levantaron as súas voces. Estas actrices comezaron a subir vídeos sobre o feminismo, un deles fixérono en apoio da moza abusada sexualmente por cinco homes nos San Fermíns de 2016”, explican desde a Concellaría de Igualdade e desde o CIM.

E engaden que “son as creadoras do vídeo #HolaPutero contra os consumidores da prostitución, escribiron unha acusación feminista na que critican os piares do patriarcado como o mito do amor romántico, a diferenza salarial, o teito de vidro, a cultura de violación, prostitución, entre outros. Veñen de publicar o seu primeiro libro #HolaGuerrera (Editorial Aguilar), no que explican por que é necesaria a revolución feminista”.

A Concellaría de  Igualdade, que dirixe Mariluz Álvarez Lastra, aproveitando a súa xira por Galicia contactou con elas para que pararan en Ribadeo e se dirixiran a xente moza.  Así este martes, 5 de febreiro, disertarán no Teatro, ás 12:00 da  mañá nunha charla dirixida ao alumnado de 4º da ESO do IES de Ribadeo e ao alumnado de 1º de primeiro de  ciclos medios do Centro Integrado de Formación Profesional do Porta da Auga. A conferencia xirará sobre a violencia sexual.