O concelleiro de Deportes manifestou que “é un torneo xa máis que consolidado a nivel xa non só galego senón tamén estatal e que nos vai traer nos tres vindeiros fins de semana unha morea de cativos, pais e nais á vila de Ribadeo. Deste torneo xa está máis que demostrado o seu nivel e a súa calidade nas pasadas edicións”.

Vicente Castro destacou “o que supón ano tras ano, sobre todo nos tempos que corren, o agora chamado turismo deportivo. Este tipo de torneos supoñen un aporte económico para esta maltratada economía ribadense, coma do resto do Estado evidentemente, e aportan a todo o sector da hostalería e incluso ao do comercio unha gran axuda económica para unha etapa de tempada baixa no que a turismo e a visitantes a Ribadeo se refire”.

Ademais Castro agradeceu á Sociedade Deportiva Ribadeo “todo este traballo que está realizando nos últimos anos, tanto a nivel de colaboración coas escolas deportivas municipais como na organización deste tipo de eventos, que sei moi ben o traballo que dan e o que custan. E quero animalos a seguir na liña que veñen tendo ata o de agora. Agardamos que nos acompañe o tempo, que parece que vai ser así sobre todo para esta fin de semana e creo para a seguinte tamén, e que sexa un éxito. E tamén no deportivo agardamos que vaia na liña dos anteriores e dos máis recentes que tivemos, que a Sociedade Deportiva Ribadeo tamén teña os seus propios triunfos”.

O presidente do club organizador, Francisco García Gayol, explicou que “estes torneos da Sociedade Deportiva Ribadeo poñen fin e colofón á tempada. Está é a décima edición, polo que xa están perfectamente consolidados e teñen unha gran tradición tanto na comarca como fóra dela. Isto demóstrao o gran número de equipos que se interesan por estes torneos e a súa localización, que é cada vez de máis lonxe. A fórmula que utilizamos normalmente é a de ter fidelizados un gran número de equipos dun gran nivel deportivo e estes, co boca a boca, son os que van facendo a promoción con outros equipos. Aparte diso a prensa, a radio e internet, ao ter unha páxina web ben posicionada con información abundante do torneo, tamén supón unha gran axuda”.

Francisco García destacou que “para facer estes torneos son necesarias moitas persoas; tamén é moi importante o apoio das institucións, como a Xunta, a Deputación e o Concello; das asociacións locais, como o Centro Comercial Aberto, Acisa e tamén de todo o sector hostaleiro. A todos eles queremos agradecerlles o seu apoio e a súa colaboración”.

O torneo vai ter unha participación de 60 equipos. Na primeira fin de semana son 15 benxamíns, 13 prebenxamíns e 4 de iniciación. O torneo alevín estará formado por 16 equipos e o infantil, por 12 equipos. “Cabe destacar o gran nivel de equipos, sobre todo no torneo infantil. A participación de equipos como o Real Oviedo en todas as categorías, como Montañeros, Sestao e o Deportivo da Coruña, que é o primeiro ano que nos visita, supón un teito moi alto, que vai ser moi difícil conseguir superar en edicións futuras”, rematou o presidente da SD Ribadeo.