O Concello de Ribadeo, a través  das Concellarías de Desenvolvemento Local, Mocidade e Novas Tecnoloxías e o Centro de Información ás Mulleres, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), porán en marcha o proxecto Tomando as rendas, co que se pretende fomentar o autoemprego e o emprendemento entre as mulleres.

O proxecto constará de 3 fases: unha primeira que será unha xornada de sensibilización e captación, outra de formación en novas tecnoloxías e xestión de empresa e unha terceira fase de elaboración do plan  de empresa. A través deste proxecto as participantes disporán dos servizos de: Formación específica sobre o emprendemento e plan de empresa; titorización e acompañamento permanente sobre o plan de empresa; formación presencial en capacitación dixital a través da posta en marcha dun itinerario dixital adaptado ás necesidades das participantes; e posibilidade de participar nunha rede social.

En definitiva, quérese con esta formación que as usuarias participantes estean preparadas para afrontar os retos que supón a elaboración dun Plan de empresa e a xestión do seu negocio , así como reflexionar e aprender como madurar as ideas de negocio. A primeira xornada levárase a cabo o 6 de xullo e terá lugar no Telecentro a través de videocolaboración. En total poderán participar ata 10 mulleres con motivación para emprender.Esta primeira sesión será unha xornada informativa sobre o proxecto. Aquelas mulleres que desexen participar poderán apuntarse na Área de Desenvolvemento Local:  982 128 650 ou adl@ribadeo.org, no Telecentro de Ribadeo: 982 120 732 ou telecentro@ribadeo.org e no CIM: 982 120 732 ou cim@ribadeo.org