Na presentación estivo a concelleira de cultura, Mari Luz Álvarez Lastra, que sinalaba que “a exposición do artista mindoniense Fernando Vilariño que imos ter no forte de San Damián dende o hoxe ata o día 28 de xullo poderase visitar en horario de 12:00 a 13:30 horas da mañá e de 18:00 a 20:30 da tarde, todos os días, tanto da semana como os festivos”. Polo tanto, convida a “todas as persoas a que se acerquen por este entorno do forte de San Damián, tanto ás que nos visiten ao longo destes días como á xente da nosa vila, para que acuda ao forte a ver o seu entorno pero, como non, a contemplar esta obra que está moi relacionada coa violencia de xénero e coa igualdade. Trátase dun tema que dende o Concello de Ribadeo estamos traballando e potenciando entre toda a cidadanía ao longo de todos estes últimos anos e isto é un enclave máis, atopar un artista como Fernando que vincule unha parte da súa obra artística a este tema relacionado coa sensibilización en materia de igualdade. Para nós será importante, cando máis sendo un artista da Mariña, próximo e preto, dar a opción de que todas as persoas que o desexen participen nela e gusten da visita”.

O artista, Fernando Vilariño, agradeceu “a disposición que tivestes no Concello para deixarme expoñer porque hoxe en día é complicado ter un sitio onde facelo”. Presentou a obra destacando que o tema central é a violencia de xénero, xa que “agora mesmo estamos sufrindo as consecuencias, por desgraza, e vin a oportunidade de poder mostrar e sensibilizar un pouco á xente co que está pasando porque parece que se pasa un pouco por alto e día a día, unha noticia e outra noticia, e aportar o meu grao de area, como fixen, para que calquera poda aportalo tamén á causa”.

No referente ás cinco esculturas da parte da exposición dedicadas a esta temática, o artista mindoniense explicou que “retratan a miña forma de velo: a unidade familiar un pouco de costas, a unidade máis alta e máis pequena son como os proxenitores e onde xorden as consecuencias é no medio, que son os nenos. Cada peza reflexa un sentimento sempre persoal, meu, non quero dicir que isto sexa así, pero eu síntoo así. Entón reflectir o medo, a vixilancia que teñen as vítimas, as secuelas que quedan, as ataduras, plasmar o sufrimento, a escravitude na que están sometidas as persoas e máis que nada, neste caso, tamén os danos psicolóxicos que quedan e perduran no tempo”. Como sinalaba, en dúas das súas figuras reflicte “o rexeitamento dun corpo menor a un corpo maior, dunha forza menor a unha maior xa que sempre hai unha loita desigual nestes casos, tanto mental como física”.

Nas dúas últimas esculturas da serie, Vilariño deixa plasmadas “as pegadas da violencia e do maltrato, que perduran no tempo igual que un golpe nunha pedra. O tráxico final xa é bastante visual, esa vida escravizada, esa vida atados a ese medo, a ese opresor, entonces reflectino así, máis visual, unha cousa que choca máis. Ese é o tema central, pero completo a exposición con un pouco de traballo máis comercial, arte e decoración”. Por último, agradeceu “unha vez máis a oportunidade que me dades porque para min é moi importante e tamén para o meu equipo de traballo, aos que tamén lles quero agradecer o seu esforzo porque a min solo seríame imposible, todos fomos importantes neste traballo. Moitas grazas pola oportunidade que me dades”.

Esta é a primeira vez que Fernando Vilariño expón en Ribadeo. A exposición inaugúrase no forte de San Damián ás oito desta tarde.