Todo está listo para a celebración de Ribadeo 20/25. O acto do vindeiro xoves, 3 de abril, no auditorio municipal será conducido polo xornalista Fabián Pérez.

Todo está listo para a celebración de Ribadeo 20/25. O acto do vindeiro xoves, 3 de abril, no auditorio municipal será conducido polo xornalista Fabián Pérez.
O alcalde, Dani Vega, contou que “todo está preparado para celebrar Ribadeo 20/25. Vinte anos de BIC, Ben de Interese Cultural, pobo declarado con ese patrimonio ben conservado e iso fala ben de todos os gobernos de Ribadeo, que intentamos conservar e facelo o mellor posible para que o noso conxunto histórico estea ben conservado e coidado e tamén con actividade”.
O rexedor declarou: “vintecinco anos de destino turístico de calidade. Tamén durante todo este traxecto e toda esta historia de vintecinco anos todos os gobernos traballaron para conseguir que Ribadeo fose ese destino turístico de calidade. Con esa estratexia conxunta entre administracións e tamén o sector privado, que tanto fixo para que Ribadeo teña unha hostalería de calidade, unha restauración e unha serie de actividades que axudan a que Ribadeo sexa ese turismo de calidade, de proximidade e con vida todo o ano. Iso é moi importante destacalo”.
Vega subliñou que “vamos seguir traballando para conservar o noso patrimonio a través do financiamento para que todas as persoas poidan solicitar subvencións e rehabilitar as súas casas no conxunto histórico e tamén darlle vida desde o punto de vista da actividade económica. Creo que entre todos durante estes 25 anos fíxose unha historia conxunta e de pobo”.
Sobre o acto que terá lugar o vindeiro xoves, 3 de abril, a partir das 11 horas no auditorio municipal o alcalde explicou que “durante a mañá do vindeiro xoves todos os alcaldes, concretamente 7 con Ribadeo, van acudir a facer unha reflexión sobre este 25 anos de historia como destinos turísticos: Pobra de Trives, Leiro, Monterrei, Sanxenxo, Baiona, Mondariz-Balneario e Ribadeo. Faremos unha reflexión para todo o conxunto de Galicia para seguir traballando e avanzando nese turismo de calidade. Tamén recordaremos a dous alcaldes que traballaron conxuntamente coas administracións e lideraron eses proxectos tanto o de BIC como o de destino turístico. Estamos a falar de José Carlos Rodríguez Andina e de Balbino Pérez Vacas. E o condutor do acto, e eu creo que hai que estar orgullosos de todos os nosos profesionais dos medios de comunicación, pero si cabe de Fabián Pérez moito máis, xa que é un ribadense que o leva con todo o orgullo e está nun medio nacional e pon a Ribadeo sempre no mapa. Hai que agradecerllo a persoas que o viven, que coidan e que cada vez que o chama o Concello acode, rapidamente a resposta é que si, e iso para o Concello e para min éncheme de orgullo coñecer persoas como Fabián, tan boas e tan bos profesionais”.
Vega engadiu: “un acto practicamente preparado. Convidamos a todos os ribadenses a acudir para recordar e seguir traballando conxuntamente para conservar tanto o patrimonio como un destino turístico de calidade”.