Hoxe non houbo mercado semanal en Ribadeo porque os vendedores e vendedoras decidiron non montar os seus postos como medida de protesta contra a aplicación da ordenanza que está a realizar o Concello. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que o equipo de goberno mantén a ordenanza que foi creada no ano 1998, sendo rexedor Rodríguez Andina. Esta ordenanza, segundo manifestou o alcalde “non se tocou agás no que respecta aos cambios que se deron cos incrementos do IPC destes anos, ao igual que aconteceu coas demais ordenanzas municipais”.

Fernando Suárez afirmou que lle disgusta que “se faga unha interpretación inxusta e malintencionada desta ordenanza no sentido en que me parece moi inxusto que exista unha serie de vendedores e vendedoras que pagan conforme a esa ordenanza polos metros cadrados que ocupan, mentres que outros/a ocupan por exemplo 30 metros cadrados e pagan por 13, outros/as que están ocupando 26 pagan por 8, e outros/as que pagan por 12 ocupan 48 metros cadrados”.

Fernando Suárez engadiu tamén que debido a acontecementos varios nos últimos tempos esta situación “foise viciando e aumentado a ocupación ata o punto de que moitas veces os propios usuarios e usuarias do mercado ven dificultado o seu tránsito porque non se pode andar”. Segundo o rexedor ribabense, “os vendedores foron ocupando máis do que teñen autorizado, motivo polo que hai 2 ou 3 meses ordenamos que se revisara se a xente ocupaba o que pedía e comprobamos que a metade axústase bastante ao que declara, pero hai outras persoas que exceden o que declaran en pagan”.

Lista de espera para vender en Ribadeo

O alcalde de Ribadeo considera que ante situación “quedan tres opcións e todas pasan por cumprir a ordenanza”. A primeira, manifestou, sería que os vendedores e vendedoras paguen o que realmente están ocupando; que ocupen polo que están pagando e que reduzan a súa ocupación ata o límite do que están declarando e. No caso de non estar de acordo, asentiu o alcalde, “os vendedores e vendedoras poden renunciar aos postos porque hai unha lista de espera dunhas 40 persoas que quere vir a vender ao mercado de Ribadeo e non teñen sitio nestes momentos”.

Fernando Suárez asegura que o Concello recauda polos postos dos mércores 3.500 euros ao mes cando debería chegar aos 5.900 aplicando o que di a ordenanza e sen ter que modificala e lembra que “a ordenanza, que se aprobara no ano 1998, non foi creada polo actual goberno pero temos a obriga de facer que se cumpra pois estamos falando de leis municipais que debemos cumprir todos e todas mentres non se derroguen”.