A edil nacionalista considera que o Ribadeo de tapeo “é unha cita imprescindible na Mariña lucense para degustar as propostas da cociña en miniatura que farán os bares, mesóns e restaurantes na vila e nas parroquias. Son 51 as tapas que se presentan a este concurso gastronómico, que durante 10 días, do 18 ao 27 de maio, se poderán saborear nos establecimentos participantes acompañadas de bós viños”.

Ana Martínez subliñou que “este ano podemos contar cunha proposta feita polos hoteis denominada Soños gastronómicos. Así se integran no tapeo presentando este proxecto que inclúe un 15% de desconto nas pernoctacións, un agasallo gastronómico e ademáis os clientes poderán optar a gañar noites de hotel en Ribadeo participando na ruta de tapeo express”. O Ribadeo de tapeo sorteará agasallos entre aquelas persoas que percorran 20 bares e restaurantes saboreando as súas tapas e que o acrediten presentando as súas cartulinas seladas, e “tamén haberá o premio ao larpeiro de ouro, que sairá de entre aqueles que proben todas as tapas desta cita, e que optarán a outro tipo de premios”.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo sinalou que “neste 2012 o Ribadeo de tapeo ven cargado de actividades, como concertos, o II Cumio de cociñeiros de Asturias e Galicia cun show-cooking que haberá os días 22 e 23 de maio e no que participarán catro cociñeiros con estrellas Michelín. O acto está organizado pola Reserva da Biosfera, pero integrado neste concurso gastronómico. Tamén haberá a Semana Larpeira da Asociación Casa das Letras, contaremos cun contacontos itinerante O Corazón de Lolo da Cruz Vermella…”. E engadiu que “son unha serie de actividades que farán moi atractivos estes 10 días do Ribadeo de tapeo, aos que queremos convidar a toda a xente da Mariña, do Occidente de Asturias e do resto dos lugares desde os que se queiran achegar a disfrutar de Ribadeo, da súa gastronomía, da súa paisaxe, en definitiva a compartir uns días con nós”.