Na súa intervención Rivas dixo que “o deporte sempre é sinónimo de sacrificio e dedicación, de loita non soamente contra os rivais, senón tamén contra un mesmo, que é a loita máis dura e esixente, pois require ademais dunhas boas cualidades físicas, unha boa condición psicolóxica. Estou seguro de que Iván sabe perfectamente do que falo, porque é un loitador, un exemplo de dedicación e superación. Iván é a proba de que non hai barreira máis grande que a que nos poñemos nós mesmos. Aínda sen que os resultados deportivos o acompañaran sería digno de admiración, pero cando grazas a el estamos hoxe aquí, celebrando 2 novas medallas en campionatos de España para o deporte ribadense, neste caso un ouro e un bronce, a cousa cambia”.

O edil nacionalista sinalou que “nestes tempos en que soamente se entende o deporte en clave de títulos e de beneficios, como unha máquina de facer cartos que funciona a base de vitorias e de campañas mediáticas, nos sempre apoiaremos o outro deporte. O deporte que non coñece contratos millonarios nin adoita ter máis recoñecemento público que unha pequena reseña no xornal de turno. Nós estamos cos deportes minoritarios, cos que se fan por vocación, botando horas e máis horas de adestramento, sendo conscientes de que nunca se vai ocupar a portada dun xornal dos chamados deportivos. Deportes nos que é moito máis complicado conseguir patrocinios, e que na maior parte das veces os gastos repercuten directamente no peto do deportista”.

E rematou a súa intervención manifestando que “a Iván hoxe queremos recoñecerlle, ademais dos triunfos, o enorme traballo que está facendo, tanto na disciplina de tiro olímpico coma no automobilismo, e agardamos poder seguir celebrando éxitos con el de aquí en diante, e que como ata agora, non se poña barreiras nunca”.

Pola súa banda, o alcalde, Fernando Suárez, indicou que “o Concello apoia o deporte base e apoia estes deportes minoritarios, que non teñen a difusión coa que contan os de masas, que están a diario nas televisións. É unha honra que nesa xungla tan difícil se abra camiño xente como Iván, de Ribadeo, que segue escalando posicións que son inéditas aquí, incluso para os deportes de masas. É unha honra recibirte neste salón de plenos, no que debatemos cousas importantes de Ribadeo, e onde tamén lle damos un recoñecemento público a alguén coma ti, que o merece”.

Iván Lindín agradeceulle ao Concello este recoñecemento, subliñou o traballo que está a realizar Ribadeo co deporte base e coas disciplinas minoritarias e lembrou que os deportistas ribadenses están a despuntar en atletismo ou en fútbol sala feminino, entre outros. Lindín incidiu en que “este deporte, o do tiro olímpico, require de moito adestramento e dun desembolso de cartos importante, porque hai que desprazarse a outros lugares a adestrar e a competir”. Agradeceu o apoio que lle presta o Concello e agarda seguir contando con el.

Coma membro da Asociación de Discapacitados Físicos da Mariña Iván Lindín solicitou que se supriman as barreiras arquitectónicas coas que estas persoas se atopan a diario na comarca e brindouse para colaborar coas administracións locais “cando vaian a efectuar melloras nos seus pobos”.

Ademais das medallas acadadas en tiro olímpico Iván Lindín practica tamén automobilismo en asfalto, como as subidas a Chantada ou á Pontenova. Este deportista de Vilaframil quedou segundo no campionato de Galicia de automobilismo en asfalto SCC.