O rexedor explicou que “tivemos coñecemento no mañá de hoxe dunha situación que todo apunta a que é un timo absoluto. E, precisamente por isto e grazas a esta información, queremos alertar a toda a poboación para que estea atenta. O caso foi que unha parella presentouse nunha casa nunha parroquia próxima á vila de Ribadeo e a unha señora maior que vivía soa dixéronlle que eran do Concello e que ían cobrar a contribución. A señora pagoulles o que lle dixeron en concepto de contribución, cando iso é absolutamente imposible porque o Concello non ten cobradores que vaian polas vivendas recadando ningún tipo de imposto ou de tributo”.

Suárez Barcia indicou que “os impostos ou os tributos municipais apróbanse polos correspondentes padróns e sempre os veciños teñen que pagalos vía domiciliación bancaria ou ben nas oficinas municipais, pero non existe ningunha posibilidade de cobro a domicilio de ningún tipo de tributo ou imposto municipal. Por iso calquera cousa que se saia disto que acabo de dicir supón a posibilidade auténtica dun fraude ou dun timo”.

O alcalde de Ribadeo contou que “a Policía Local e a Garda Civil están informadas disto e eu, como alcalde, quero advertir á poboación, tanto da vila como das parroquias, que se alguén se achega a cobrar calquera tipo de tributo ou imposto municipal que saiban que é absolutamente falso; e que, en todo caso, deben avisar ás autoridades, á Policía Local ou á Garda Civil, porque isto está supoñendo un timo en toda regra”. E tivo palabras de agradecemento “para os familiares desta señora maior que vive soa, porque nos viñeron advertir para que isto non acabe afectando a máis xente do noso concello”.