Concello de Ribadeo
Territorio e clima
O Concello de Ribadeo conta cunha superficie de 112,3 quilómetros cadrados. Está situado no extremo nordeste de Galiza e da provincia de Lugo, bañado polas augas do mar Cantábrico no norte e polas da ría de Ribadeo, que o separan de Asturias, no leste. Ao oeste fai fronteira co Concello de Barreiros e, no sur, co de Trabada.
A grandes trazos pode dicirse que o relevo ribadense, de formas suaves e escasa altitude, conforma dúas unidades morfolóxicas perfectamente definidas. Polo norte, e sobre o nivel do mar, discorre unha ampla chaira litoral que se corresponde coa denominada rasa cantábrica. Esta, vai de Asturias ata Foz alcanzando na zona de Ribadeo unha anchura aproximada de 3 quilómetros.
No resto do territorio (áreas central e meridional) o terreo elévase progresivamente ata alcanzar as maiores altitudes do municipio no alto de Mondigo (o pico máis alto con 570 metros) e no sistema montañoso de Penalonga (509), que marca o linde con Barreiros.
Entre a aliñación montañosa que forman estes cumios e outra de menor altura situada máis preto do litoral discorren as augas dos ríos que desaugan na marxe esquerda do Eo (Lexoso, Grande…). Por outro lado, na ladeira setentrional desta última aliñación nacen os cursos fluviais que verten directamente no mar Cantábrico e que discorren en paralelo de sur a norte (rego de Xulián, Capilla, dos Tacós, de Moreira), coa excepción do rego de Vilaselán, que transcorre con dirección sudoeste-nordeste.
En canto ao litoral, a acción mariña deu lugar á formación de multitude de enseadas que se intercalan con pequenos saíntes, farallóns, illotes e cantís, constituíndo paisaxes de gran beleza. Con todo, pode establecerse certa diferencia entre o sector costeiro máis oriental, que vai desde a illa Pancha ata a punta Corveira e que se mostra moi recortado, e o máis occidental, que presenta unha morfoloxía máis uniforme, case rectilínea e con praias moito máis amplas.
A continuidade da plataforma continental que se estende ao longo de toda esta fronte costeira rómpese no leste pola presenza da ría de Ribadeo. Esta última, que ten a súa orixe nun val fluvial que se encaixou na devandita plataforma, ten unha lonxitude de 10 quilómetros e unha profundidade escasa. Isto é así pola presenza de grandes bancos de area que afloran na baixamar, feito que ocasiona cambios espectaculares do seu aspecto en función das variacións da marea.
En canto á composición do chan, predominan os terreos de xistos formados por amplas louseiras, con niveis de cuarcitas e areas atravesados por filóns de cuarzo e un esporádico afloramento eruptivo nas proximidades de Rinlo.
Clima
Polo que ao clima respecta o de Ribadeo, que se atopa dentro do dominio oceánico húmido, presenta trazos similares aos do resto da Mariña lucense, con temperaturas suaves (a media está entre os 13-14ºC e a oscilación térmica anual rolda os 11ºC) e con precipitacións moderadas (arredor dos 1.000 milímetros anuais). Os invernos adoitan ser temperados e os verás frescos, aumentando as precipitacións canto maior é a proximidade ás zonas de montaña. Nestas rexístrase habitualmente unha notable influencia dos ventos cantábricos.