O rexedor explicou que “vimos de convocar unhas comisións informativas, previas ao pleno extraordinario que imos celebrar a finais da vindeira semana, cunha serie de puntos importantes para Ribadeo. A grande maioría son resultado e froito do traballo conxunto que estamos a facer entre os diferentes grupos da Corporación desde o punto de vista do urbanismo, xa que varios asuntos que irán a estas comisións tratan das aprobacións definitivas de convenios urbanísticos entre o Concello e varios propietarios en ámbitos urbanos da vila de Ribadeo, que xa foron aprobados por unanimidade ou case unanimidade, xa foron expostos ao público e agora trátase de dar o último empuxón coa súa aprobación definitiva”.

Suárez Barcia indicou que “a partires de aquí se está encarreirando todo para que agora nos próximos días, tamén máis cedo que tarde, poidamos dar un paso moi importante coa aprobación provisional do Plan Xeral, pero iso aínda non vai ser nesta semana que entra”.

O alcalde ribadense subliñou que “nestas comisións informativas someteremos ao control e á participación de todos os grupos un expediente para o cambio de uso dos terreos municipais que ten o Concello na rúa Francisco Lanza. Anteriormente estaban dedicados a un grupo de vivendas para profesores nas que xa hai tempo que non hai ninguén. Esa ubicación pode ser posible para a construción dunha residencia en Ribadeo e aínda que non teñamos o financiamento resolto nin garantido, aínda que teñamos o compromiso da Deputación de Lugo en participar e que de momento non temos contestación por parte da Xunta desde o Concello, desde a parte que poida depender de nós, queremos eliminar calquera posible obstáculo. O que trata este expediente é de cambiar o uso, xa que actualmente ten varios, incorporando outro para que sexa posible poder construír nestes terreos de titularidade municipal unha residencia para persoas maiores”.

Fernando Suárez engadiu que “isto é algo que foi comentado con todos os portavoces e todos estamos de acordo en ir dando pasos que non teñen volta atrás e que dentro de pouco tempo quizais todo o mundo se teña que retratar, o Concello, a Deputación e a Xunta, porque os veciños, que son espectadores desta situación. Eles estannos mirando e están atendendo fixamente ao que cadaquén está a facer e está a poñer da súa parte para que Ribadeo poida contar cunha nova residencia para persoas maiores, que se engada á que xa ten actualmente, pero que é insuficiente pola impresionante demanda que temos de persoas maiores”.