O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “despois do pleno ordinario que tivéramos hai máis dun mes para a aprobación dunha serie de ordenanzas actualizando o IPC ou outras delas modificándoas profundamente, como é caso da ordenanza das terrazas, hoxe tivemos unha sesión para estimar ou desestimar as alegacións presentadas a varias desas taxas”.

O rexedor sinalou que “no caso das terrazas dos restaurantes, dos bares, etc, desestimamos unha alegación presentada pola asociación de veciños A Atalaia e outra plantexada por un particular e estimamos parcialmente unha parte da alegación presentada pola Asociación de Comerciantes de Ribadeo. Váise ampliar un pouquiño máis o horario de peche das terrazas, pasarán de pechar ás doce e media noite os días de semana e festivos a facelo ata a unha da madrugada, e os venres, sábados e vísperas de festivo en lugar de pechar ás unha e media da madrugada faráno ás dúas. É dicir incrementaráse en media hora ese horario de peche das terrazas en Ribadeo”. Ao equipo de goberno non lle parece prudente ir a máis aló “pola cuestión do ruido, pero vemos razoable esta proposta, entre outras varias, que presentou a Asociación de Comerciantes”.

Suárez Barcia lembrou que “había momentos en tempos pasados nos que algunhas terrazas invadían prácticamente a totalidade da vía pública, facendo difícil que os propios peóns puidesen transitar con normalidade e trátase de normalizalas e homoxeneizalas a todas coas do seu interno”.

O alcalde ribadense contou que “o outro punto que vimos no pleno de hoxe foi a ratificación dunha comisión bilateral de vivenda no que ten que ver coas áreas de rehabilitación de Ribadeo e de Rinlo por unha serie de desencontros que mantiveron a Xunta e o Ministerio. Esas desavenencia ocasionaron que varios Concellos, entre os que se atopa Ribadeo, tivésemos unhas cantidades importantes, arredor de 400.000 euros, pendentes de ingresar por obras públicas que tiñamos feito ou por outro tipo de subvencións que estaban pendentes de pago a particulares por rehabilitación de vivendas. Xunta e Ministerio salvaron esta discrepancia hai algún tempo e agora tocábanos aos Concellos ratificar este acordo e así o fixemos por unanimidade”.