O rexedor dixo que “nos atopamos xa no medio destas festas de Entroido, chegando xa ao ecuador delas, co pregón marabilloso do sábado no Teatro, moi concorrido e que fixo as delicias de moita xente, así como onte todo o ambiente do domingo lardeiro. Hoxe é o luns fareleiro e seguramente veremos as mascariñas por todas as rúas, de día e pola noite, nos bares, pubs e nos diferentes lugares de ocio gozando de todas as actividades organizadas pola comisión do Entroido, que durante meses traballou para facer un dos mellores Entroidos da comarca”.

Suárez Barcia seguiu a relatar: “e mañá é o día grande, o Martes de Entroido, que como todos os anos cando non é festivo desde o Concello pedimos, a través dun bando municipal, para que o comercio peche a tarde do desfile. Si cadra temos unha dúbida, temos un tempo cambiante con avisos de Meteogalicia e da Dirección Xeral de Emerxencias de fenómenos adversos, aínda que están a falar de niveis vermellos para o que ten ver co mar, pero non para a costa”.

O alcalde subliñou que “agás que haxa unhas circunstancias que mañá nos obriguen a última hora a suspender ou pospoñer o desfile, no Concello neste momento témolo planificado para que saia no tempo e no lugar sinalado e que faga as delicias de tanta xente de Ribadeo e doutros puntos da comarca da Mariña e do Occidente asturiano que o veñen ver. Que todo o mundo se anime, e si mañá a última hora temos que determinar a súa suspensión fariamolo saber convenientemente a través dos medios de comunicación”.

Fernando Suárez confía en que “aínda que chova e que vente o Entroido de Ribadeo vaise celebrar como sempre e será un éxito de participación e de público e Ribadeo volverá ser un referente na comarca”.

O Desfile de Entroido terá lugar este martes, día 9, a partires das cinco da tarde con saída da avenida Rosalía de Castro, percorrerá San Roque, Virxe do Camiño, avenida de Galicia, José Vicente Pérez Martínez, avenida de Asturias, Clemente Pasarón e Dionisio Gamallo Fierros para acabar diante do Concello.

O alcalde fixo ademais un chamamento aos comerciantes para que faciliten a participación cidadá nos actos programados para a tarde do martes. Nun bando publicado ao efecto a Alcaldía “ao tempo que invita a compartir o Entroido ribadense a todos os veciños, veciñas e visitantes que se achegan ao Concello, solicita do empresariado e comerciantes en xeral que este martes sexa flexible nos seus traballos para facilitar a participación cidadá nestas festas e contribuír ao realce das mesmas”.