A edil nacionalista contou que “as previsións que temos para este verán en canto ao número de visitantes que se poidan achegar ata Ribadeo son bastante altas. Si ademais atendemos xa ao número de persoas que a diario acoden a pedir información á oficina de turismo da vila, que desde o pasado 15 de xuño rexistra máis de 100 consultas diarias, a isto podémoslle sumar os picos das fins de semana, entendemos que realmente segundo vaia avanzando o verán o número de visitantes será bastante alto e superior ao do ano pasado, que xa en si mesmo bateu récord”.

Martínez subliñou que “se está a producir un incremento de pernoctacións por persoa. Si o ano pasado estabamos nunha media de 1 ou dúas noites, este ano estamos arredor das catro noites. Isto para o sector hostaleiro é moi importante, e é tamén indicativo de que xa non só se achegan á praia das Catedrais e se marchan, senón que realmente se están empezando a interesar por coñecer o concello e a nosa contorna”.

Para a concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo todo este incremento de turistas que ano tras ano rexistra Ribadeo “é froito da apertura da autovía A-8, que nos pon preto de destinos tan importantes coma Valladolid, Burgos, Bilbao, Vigo… xunto a outros que están máis preto, pero que agora aínda o están máis como Oviedo, Santander ou A Coruña. Para nós este dato é moi importante, entendemos que Ribadeo este verán pode ser un boom. Que Ribadeo está de moda é cada día máis certo e o podemos comprobar pola rúa”.

Ana Martínez explicou que “desde o Concello, como cada ano, procuramos atender o mellor posible ao visitante para se vaia cunha cara amable da nosa vila, do noso comercio, da nosa hostalería. Desde o 1 de xullo imos reforzar os puntos de información turística, tanto nas Catedrais coma en Ribadeo”. O punto das Catedrais terá un horario de luns a domingo de 11 da mañá a 14:30 horas e de 16 a 19:30 horas. Este ano traballarán alí 6 persoas. O Concello tamén reforza durante o verán a oficina de turismo de Ribadeo, que contará con outra persoa máis a xornada completa, que se une á que xa traballa habitualmente nesa instalación.

A concelleira de Turismo dixo que “dentro doutras iniciativas que reforzan esta demanda turística está unha moi importante que é o bus praia, que xa leva varios anos en funcionamento e que é todo un éxito. Cremos que é a mellor maneira de visitar a praia das Catedrais, porque así evitas esa problemática que estamos vendo nos últimos tempos coas aglomeracións de coches preto do areal. Neste 2014 o bus praia terá unha saída diaria máis que durante os anos pasados”. O bus praia sairá de Ribadeo cara as praias ás 11, ás 13, ás 16 e ás 19 horas. Partirá desde a oficina de turismo pasando por Virxe do Camiño e estación de autobuses para parar despois en Os Castros-Illas, Esteiro e As Catedrais. Os horarios de volta das praias cara Ribadeo será ás 12:30, ás 14:30 horas, ás 17:30 horas e ás 20:30 horas. O prezo do billete mantense ao igual que os anos anteriores. Os adultos pagarán polo viaxe de ida e volta 4 euros. Haberá bonos de 10 viaxes por importe de 20 euros. E o billete (ida e volta) dos nenos e das nenas menores de 12 anos será 2 euros. Ademais contarán cun bono de 10 viaxes por 10 euros.

Ana Martínez engadiu que “con estas iniciativas o que queremos é dar esa imaxe agradable e amable na que a xente que se achegue a Ribadeo poida disfrutar da nosa vila, do noso concello no seu conxunto, que ten uns valores medio ambientes e naturais excepcionais, pero tamén ten uns valores humanos por parte do comercio, da hostalería e de todos cantos habitantes ten Ribadeo, que procuramos que os nosos visitantes se vaian co mellor de nós”.