O espectáculo PAN, catro propostas arredor da malla que ao longo do 2008 foi visto por máis de 5000 espectadores, chega esta fin de semana a Ribadeo. A representación que será o domingo, día 4 no auditorio municipal Hernán Naval ás 20:30h, está organizada polo Concello de Ribadeo e incluida na programación da rede de teatrios e auditorios da AGADIC. Ese mesmo día nas Catro Calles ás 12:30h, varios actores de Volta e Dálle realizarán accións teatrais de rúa, mallando e repartindo publicidade e pan de Cea para anunciar e promocionar o espectáculo.

PAN é unha innovadora proposta que mestura teatro e danza, así como música ao vivo. PAN é o resultado dun proceso de creación colectiva dirixida por catro directores e unha coreógrafa, cunha temática diferente, a tradición perdida das mallas. Unha tradición que simboliza a perda dos
valores da colectividade e do esforzo dentro da sociedade galega, eminentemente rural non hai tanto tempo. Son cinco actores e actrices as que lle dan forma ás catro historias que configuran


PAN: Comba Campoy, María Lado, Pepe Penabade, Luís Iglesia e Alfonso Romeo, coa música en directo de Mini Rivas e Mero Iglesias, integrantes do coñecido grupo A Quenlla.

Os catro actos da obra fan mención ás distintas fases do proceso do pan dende a leira ata o seu consumo, e foron dirixidos por catro directores. Nazaret López, Carlos Santiago, Lucho Penabade e X. H. Rivadulla Corcón, son os autores e directores de A Sementeira, A Sega, A Malla e O Pan, respectivamente. Catro olladas totalmente diferentes e únicas, coas súas particularidades estéticas e tamén conceptuais, van fiadas por entreactos dirixidos pola coreógrafa Branca Novoneyra.