A concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, subliñou que “a obra se enmarca dentro da programación teatral do Concello. É unha peza de moita calidade e ten un significado especial para Ribadeo porque foi escrita por unha persoa que naceu aquí, estamos a falar de Rubén Ruibal. A obra foi premio Álvaro Cunqueiro 2005 e premio nacional de literatura no 2007”. A edil nacionalista dixo que “a autoría e a presenza da actriz Estíbaliz Veiga son un aliciente máis para que a xente da Mariña e do Occidente de Asturias acudan a ver esta obra. Quero animalos a todos a que asistan ao inicio desta nova tempada de teatro en Ribadeo”.

Arturo López, o director de Limpeza de sangue, sinalou que “se trata posiblemente da obra máis premiada que hai en carteleira na actualidade en Galicia. É unha obra que fala da Galicia actual e na que se abordan cuestións coma as drogas e a corrupción, tan de moda da na actualidade. Trátase da historia de dous persoaxes completamente diferentes e con vidas totalmente opostas e que nunca se terían atopado na vida de non ser pola seguridade social. Eles por unha cuestión de saúde se ven sometidos a sesións de diálese e nesa especie de reclusión nun sillón e suxeitos a unha máquina teñen ocasión de comunicarse e de establecer unha relación que pouco a pouco se vai convertendo en amistade”. Limpeza de sangue “é unha producción moi complexa, está composta por 29 esceas con secuenciado cinematográfico e transcorre en diferentes lugares, tanto interiores como exteriores e os actores non só representan senón que moven a coreografía. A obra ten tintes dramáticos cuns momentos de humor excelentes, o público sae moi impresionado”, seguiu a relatar o director de Limpeza de sangue.

Pola súa banda, a actriz Estíbalez Veiga, manifestou que “estar aquí en Ribadeo é un dos momentos máis felices do ano para min, poder vir aquí a actuar, estar coa miña xente de Ribadeo, coa miña xente de Celeiro de Mariñaos. É todo un orgullo poder estar nun escenario e ver á xente que me viu medrar, para min é como un conto feito realidade”.