Ao peche do programa Tardes de lecer  acudiron boa parte das persoas usuarias das escolas parroquiais, Vilela, Remourelle, Rinlo, Cinxe, As Anzas e Santalla de Vilaosende, que son os centros de xuntanzas dos veciños e veciñas de todo o concello.

Tamén estiveron presentes nesta cita o alcalde, Fernando Suárez,  as concelleiras de Igualdade e de Servizos Sociais, Mari Luz Álvarez e Sonia Meilán, e a súa “profesora” como el@s din, Susana Álvarez da empresa Magüeta Animación, que  fixeron entrega dos diplomas acreditativos de ter superado a actividade de memoria.

Ás 17:30 horas tivo lugar o encontro na Casa do Mar, coa actuación teatral do Grupo Trípode de Alfoz composto por tres grandes da escena: Pepe Peinó, Alberte e Cachín. Un equipo moi divertido que fixo as delicias das persoas asistentes á actividade. Destacaron a participación do público, pois o seu teatro é interactivo.

“Para remate e colofón da actividade houbo uns pinchos no restaurante da Centro Social de Ribadeo e tamén se contou cunha señora algo atípica que ten a intención de aqueloutrar ela o próximo curso, MaryRusti, muller emigrada e retornada de La Coru”, explican desde a Concellaría de Igualdade.

Dende o Concello queren agradecerlles “a todos e todas  a súa asistencia, non só a este evento de clausura, senón tamén ao obradoiro de memoria que se estivo a realizar durante este curso”.