Desde esta delegación municipal explican que “tendo en conta a importancia da prevención en igualdade como mellor antídoto contra as violencias machistas e dentro das actividades programadas para os centros educativos desde a Concellaría de Igualdade desenvolveranse entre o 18 e o 21 de decembro talleres para traballar a violencia de xénero e o amor romántico a través da música”.

E subliñan que “con estes talleres preténdese favorecer a reflexión en torno ás ideas sobre o amor romántico e as relacións de parella, identificar comportamentos indicativos de violencia que se disfrazan de signos de amor e proporcionar ao alumnado algunhas claves para detectar e  evitar indicios de violencia de xénero  nas relacións sentimentais. Atenderase á forma na que se  concibe o  amor, as ideas sobre a violencia, as relacións entre os dous conceptos, cómo  se aprenden estas ideas, ónde e quén as fai chegar. A música será o  instrumento mediante  o cal  se abordarán as temáticas mencionadas”.

Desde a Concellaría de Igualdade ribadense engaden que “partindo dunha ou  varias cancións  de amor elixidas polo alumnado, analizarase a letra e o vídeoclip para ver qué tipo de amor se amosa. Reflexionarase sobre as implicacións que este amor  ten para cada unha das persoas que conforman a parella, verase en qué se parece o se diferenza do que  se considera desexable nunha relación sentimental, estableceranse comparacións entre o que nos din as cancións e as experiencias (persoais ou cercanas) que teña o propio alumnado”.

Os talleres terán nunha duración de 2 horas e participará o alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros. Un total de 9 talleres que serán impartidos por Laura Viñuela. Esta muller  é fundadora e  directora de Espora Consultoría de Género desde 2005. Licenciada en Historia e Ciencias da Música, cursou o Programa de Doutorado de Estudos da Muller  da  Universidade de Oviedo. Desde entón traballou en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e na igualdade de xénero en campos tan diversos como o emprego, a discapacidade ou as mulleres xoves. É autora do  libro Perspectiva de género y música popular: dos nuevos retos para la musicología e profesora habitual dos cursos da Aula de Música Pop-Rock da Universidade de Oviedo, onde ensinou temas como as  mulleres no rock  e o punk,  a relación da música cos movementos políticos e identitarios das lesbianas ou un monográfico sobre Madonna. Nos últimos anos, as súas liñas de traballo céntranse no ámbito da cultura, especialmente na música e  outros medios de comunicación, e no amor romántico desde o punto de vista de xénero. É  presidenta e  fundadora da Asociación Nacional de Consultoría de Género (APCGénero) e membra da Xunta directiva da Asociación Universitaria de Estudos das Mujeres (AUDEM).