A edil nacionalista lembrou que “estes obradoiros ao igual que o resto das actividades previstas para este semestre foron aprobadas polo Consello Municipal da Muller”.  Álvarez Lastra explicou que “os primeiros talleres comezan o vindeiro 12 de xaneiro. Trátase dun taller de memoria que se desenvolverá en Remourelle os martes de tres e media a cinco e media da tarde, e en Ribadeo haberá outro para previr a depresión na Casa da Xuventude tamén a partires do 12 de xaneiro de seis e media a oito e media da tarde”.

A concelleira da Muller sinalou que “estes talleres tentan dinamizar a actividade que temos no noso concello, pero sobre todo, previr aqueles problemas que hoxe existen e para axudarnos a traballar a nosa memoria co fin de ter unha mellor calidade de vida. Ditos obradoiros son totalmente gratuitos e abertos a todas aquelas persoas que desexen participar, simplemente o que hai que facer é chamar ao teléfono 982 120 739 para anotarse porque son 25 prazas as que se ofertan en cada taller”. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe ata o mesmo día que den comezo ditas actividades, que terán unha duración de catro sesións, cada un deles.

Mariluz Álvarez Lastra subliñou que “os talleres de Remourelle e de Ribadeo están abertos para que todo o mundo que o desexe, sexa da parroquia que sexa ou da vila, poidan participar en calquera destas citas. Estarán impartidos por persoas que xa participaron con nós en actividades que tiveron moi boa acollida. Animar a todas as persoas a que acudan a estes obradoiros que darán comezo a vindeira semana”.